Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 23 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

“Vexo, vexo unha reforma laboraaaaal...”

“Equipo de investigación: Poderes ocultos” (Antena 3, 00 h.)

Sociedade 17/02/2012
  Envía a túa opinión

“Haiche moito yeyé, que movida, que de noite e de día, usa ghafas de sol, fai un sol de carallo”.  Canta sabedoría había dende ben cedo na posmodernidade, como retrataban Os Resentidos. Moito menos preparados para calquera fenómeno refulxente que os puidera sorprender estaban os coitados fregueses que, atendendo a chamada dun mozo curandeiro local, se concentraron nunha aldea de Granada para admirar a media tarde unha aparición mariana, que é un plan de domingo como calquera outro. Contan as crónicas xornalísticas daquela xornada do ano 1993 que, de tanto fitar directamente ao Sol durante varias horas para ver asomar á Virxe nun carro de luz, decenas de persoas tiveron que ser ingresadas con síntomas de cegueira e graves afeccións visuais nun hospital próximo. Choscos e sen beizón divina, aínda tiveron que aturar que o Santón de Baza, así chamado, os desprezase por un dito tan antigo como que “non hai máis cego que o que non quere ver”. Hoxe, o máis preto que aqueles pobres deben de estar dunha fortuna é cando despachan os cupóns da ONCE, mentres que o meigo católico andaluz, con tan só 37 anos, acumula un patrimonio inmobiliario financiado polos seus fregueses que dá xa para investir en gafas de sol e algo máis.


Pe-la-zo

“Tourilandia” (TVG, 22 h.)

Cultura 16/02/2012
  Envía a túa opinión

O panorama musical do Estado está tan orfo de fenómenos que lle sacudan a atonía, que mesmo tivo que importar un éxito brasileiro, o “Ai se eu ti pego”, o cal, novamente nos tememos, os promotores do universo lingüístico galego-portugués non serán capaces de capitalizar para promocionar a causa. “Nós si entendemos a Michel Teló” é slogan abondo para captar a todos os estudantes que a doutrina Vázquez Abad pode afastar da lingua propia. Pero figuras autóctonas que estremezan as radios case non quedan. Precisan as listas de éxitos dunha Lady Gaga propia, cuxo espazo non cobre a nova Paloma San Basilio-techno nin tampouco o morriñas de Pablo Alborán. Como xa comentamos neste espazo, o maior risco estético do pop español dende os torsos espidos de Mecano e os Loco Mía anteriores á fase Laureano Oubiña-, pasa polo día en que Melendi lle pasou o ferro ás rastas. Así que o trono de diva pop está vacante e se alguén pode reclamalo é Pitingo.


Dez contra un a que o cárcere é o purgatorio

“Alcatraz” (La Sexta, 22:25 h.)

Cultura 15/02/2012
  Envía a túa opinión

Está nos proverbios chineses e nos poemas de Machado. O camiño faise ao andar e é a viaxe a que importa e non a meta. Aprendemos da experiencia acumulada. Se isto último fose certo, haberíanse producir desbandadas da sala de estar en canto asomase pola pantalla do televisor a cabeceira de “Alcatraz”, a nova serie do creador do maior fenómeno televisivo da última década, “Perdidos”. Millóns de incautos adeptos ao serial espremeron durante anos os miolos para dar coa misteriosa trécola que rodeaba á illa dos misterios, tentando xuntar as pezas do crebacabezas para encaixar osos polares, correntes magnéticas, viaxes no tempo e fume negro nun mosaico con sentido completo. Aínda hoxe a mención das catro palabras “o final de Perdidos” pode provocar ollos inxectados en sangue, saloucos incontrolables ou, o que é peor, apatía. Só aqueles coa temperanza precisa poderán estar dispostos a collerse de novo da man de J.J. Abrams nesta nova andaina.


Para-para-paradise

“Terra Nova” (Cuatro, 22:30 h.)

Cultura 14/02/2012
  Envía a túa opinión

Dioni tapara a cachola pelada e fuxira ás praias do Brasil; Luis Roldán, mentres o “Interviú” (a mesma revista que o mesmo ispe a Pilar Rubio que retrata ao ex director xeral da Guardia Civil nunha orxía) amosaba a súa vergoña, resistiu varios meses agochado en Laos; e do narco Pelopincho nada sabemos aínda sobre a súa residencia. É a sorte que ten a xente con problemas pero con cartos, que o mesmo que evaden as súas divisas tamén escapan eles a paraísos terreais alleos aos problemas. Para os demais, aos que tal e como pinta o panorama tamén nos dan ganas de fuxir pero non dispomos do capital preciso, a única evasión posible está na ciencia-ficción, un xénero que, canto máis sombría a realidade, máis refulxe. Tan mal están as cousas que xa estamos volvendo ás historias de dinosauros.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros