Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 17 de Xullo de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Rídelle as gracias agora

“Fútbol: Mirandés – Athletic de Bilbao” (Cuatro, 22 h.)

Deportes 31/01/2012
  Envía a túa opinión

Toda a gloria para o Mirandés, eses esforzados rapaces cuxo capitán, en troques de festexar o épico triunfo dos cuartos de final da Copa do Rei de Fútbol, marchou para cama a durmir porque tiña que abrir a sucursal bancaria na que traballa a primeira hora da mañá. E é que se inestable é o éxito no fútbol, que non habemos dicir dos bancos nestes tempos. Agradezamos esta clase de milagres deportivos porque aos descridos do paranormal non nos queda xa a esperanza de asistir a ningún prodixio mariano, xa sexa da inmaculada concepción ou da inmaculada maioría absoluta. Con todo, tampouco nos chamemos a engano. Os non favoritos, os subestimados ou, como din os anglosaxóns, os underdogs reciben o noso aplauso a través da condescendencia antes que dende a admiración. Da mesma maneira que en Xibraltar os turistas lle rin as gracias aos pequenos macacos até que estes lles rouban a cadea de ouro e entón corren para esnaquizalos, o ben do equipo pequeno alleo presta até que non significa o mal do conxunto propio.


Matasogras

“¿Quién quiere casarse con mi hijo?” (Cuatro, 22:30 h.)

Sociedade 31/01/2012
  Envía a túa opinión

A sogra, ese concepto. A destrución desa idea da maternidade como milagre supremo da vida. A homenaxe perpetuada en mármore por Miguel Anxo ou en canción por John Lennon, esnaquizadas todas elas polos chistes de Arévalo e a tradición xocosa española arredor de mulleres cuxa única misión na vida consistiría en levar a desgraza a aqueles que puideran ameazar aos fillos paridos dende as súas entrañas, obxecto da súa propiedade imposible de emprestar a ninguén malia que esa sexa a vontade das propias criaturas que, como a sogra ben sabe, non teñen nunca o bo xuízo dunha nai amantísima, a que sabe que alén do colo materno só reside o mal. Esa representación esaxerada, ese apéndice indeleble cando marchas de vacacións, ese que supervisa a túa vida doméstica con máis escrutinio que un conselleiro matrimonial, ese que cando a túa parella vira a cabeza fita para ti como se de verdade estivese a ameazar a túa integridade. Toda esa tradición de odio cara a sogra é a que permite programas como “¿Quién quiere casarse con mi hijo?”.


A revolución sexual

“Sex Academy” (Cuatro, 00:30 h.)

Sociedade 27/01/2012
  Envía a túa opinión

Cando os libros de historia falen do milagre español dos anos 90, caerán irremediablemente no lugar común de asociar a entrada no vagón de vangarda do tren  internacional ao ingreso na Unión Europea, ás Olimpiadas de Barcelona e á Expo de Sevilla. Errarán o tiro. Eu penso realmente que España se propulsou cara a modernidade cando en 1990 a doutora Elena Ochoa comezou a presentar “Hablemos de sexo”, unha iniciativa de Chicho Ibáñez Serrador para sacudir o cheiro a  naftalina do discurso sexual que nin sequera a revolucionaria teta de Sabrina (a liberdade guiando ao pobo) conseguira esvaer de todo. Ver a unha señora con traxe de chaqueta e casta coleta pronunciar alto e claro a palabra “pene” na televisión pública foi o xesto político máis simbólico no Estado até que Zapatero aprobou as vodas homosexuais e sacou as tropas de Irak. A educación sexual pasou das charlas caseiras sobre a polinización á televisión, ao igual que agora se trasladou desta a internet, onde non hai control parental que poida frear a avalancha de formación onanista a libre disposición de maiores e pequenos. E hoxe, como se pegásemos un gatillazo, volvemos ao sexo catódico.


Trinta e tantos

“Cine: O xogo da verdade” (TVG, 00:05 h.)

Sociedade 26/01/2012
  Envía a túa opinión

Se algo vai traer da man esta recesión galopante é a restitución do papel dominante na nosa sociedade dos adultos. A veteranía xa vai ser algo máis que un grao: unha persoa no final da súa carreira profesional, mesmo un pensionista cunha paga por enriba da media precaria dos subsidios, vaise converter no gran afortunado desta época convulsa. Se o pensamos ben, estabamos asistindo a uns anos dominados pola adolescencia que, co seu herdado poder adquisitivo da abondosa paga semanal, ditaba todas as tendencias e contidos dende a tiranía do Pull&Bear e os bombardeos de “beliebers” nas redes sociais de internet. Un lustro antes gobernaban os de vinte anos e se viaxamos aos 90, érache a época dos yuppies e os de trinta e tantos, que queimaban billetes en festas mentres internaban aos avós no asilo. Hoxe, todos os novos, reais e pretendidos, volven vivir á casa dos pais, que son os que aínda teñen cartos, porque o seu tempo morreu coa crise e xa non resisten sen a cunca de caldo que cociña mamá e os peluxes da súa vella habitación de nenos.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros