Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Mércores 25 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Os ricos tamén choran

“Downton Abbey” (Antena 3, 22:30 h.)

Cultura 18/01/2012
  Envía a túa opinión

Cómpre ter moito coidado coas lecturas que un escolle, sobre todo nos anos formativos. Andan as autoridades empeñadas en que a xente lea todo o posible, en meterlles a letra con funil polos ollos, como se a lectura fose un ben absoluto que en nada nos pode prexudicar. Tamén é san facer exercicio, pero correr unha maratón ten máis de tortura que de tonificación. Así que libros, si, pero escollidos, porque o empacho de Danielle Steel pode crear románticos perpetuamente insatisfeitos; o de Paulo Coelho, místicos de patacón; o de John Grisham, conspiranoicos; e a novela decimonónica anglosaxona, tipos coma min, residentes na ilusión de que os humanos somos seres feitos para a contemplación, a introspección e a fina análise da nosa condición e das nosas redes sociais (que daquela non eran o Facebook, senón os encontros nos salóns de té e baile), o mesmo divertimento ao que se aplican as xentes de nobre avoengo de series como “Downton Abbey”. Pero claro, un non ten terras, e moito menos tempo libre para pasealas con ensimesmamento e pasmo, matinando en todos os porqués do proceder propio e alleo. E ao final, remata desafogando en soliloquios como este.


Os malos tamén teñen epifanías

“Cine: Celda 211” (Cuatro, 22:30 h.)

Cultura 17/01/2012
  Envía a túa opinión

Están a pelota de Steve McQueen, rebotando unha e outra vez contra a parede; tamén o banco de pesas que erguía Stallone; a lameira na que Burt Lancaster xogaba ao fútbol americano; o póster de Raquel Welch que agochaba o segredo de Tim Robbins; e en todo ese catálogo de elementos icónicos dos dramas baseados en cárceres, tamén a perilla poboada, a caluga rapada e a tatuaxe detrás do pescozo de Luís Tosar, actor con pel de camaleón pero para a memoria cinéfila reo a perpetuidade. Malamadre, ese home que pasa toda a súa condena pedindo que alguén lle dea uns Strepsils para calmar a irritación da gorxa, é o gran vilán do cine español contemporáneo, superando ao José Luís Moreno histérico de “Torrente 2” e da vida real, aínda que ese Antonio Resines de porra fácil, dá tanta ou máis rabia que o dono do patio do cárcere que, ao contrario da canción escolar, no seu caso si é particular.


Arrebato

“Atrapa un millón: especial famosos” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 13/01/2012
  Envía a túa opinión

Logo de que Remedios Cervantes lle roubase para sempre a Celia Cruz a titularidade exclusiva do berro “¡¡¡azúuuucar!!!”, polo que a min respecta hai unha expectación máxima arredor de todas as interaccións que os famosos poidan ter cos simples mortais que temos vedado o acceso ao Olimpo de cátodos. Coñecerán xa a escena televisiva do ano, na que a modelo e actriz, cegada por un arrebato de maldade irresponsable fixo perder a un concursante anónimo o premio de miles de euros ao que optaba. A situación resultou tan desapiadada que a cadea tivo que volver chamar ao mozo afectado para reparar a súa fortuna. Pero mentres o pánico se apoderaba do público no plató, eu só podía fitar para a ollada alucinada da famosa, que mentres coa boca pedía perdón, cos ollos demostraba un gozo aumentado pola soberbia do seu ofrecemento: “Págoche eu os cartos”. E aí, nese intre, foi cando albisquei o plan maquiavélico da nova orde social. Non serán os mercados os que nos levarán á miseria, será unha caste de superviláns ricos dispostos a restaurar o Antigo Réxime desposuíndo aos pobres de calquera ocasión de prosperar.


Elemental

“Sherlock” (Antena 3, 22 h.)

Cultura 12/01/2012
  Envía a túa opinión

“Elemental, benquerido Watson”. Xa está. Xa o dixemos e ficamos liberados do inevitable recurso á famosa sentenza que, indefectiblemente, se repite unha e outra vez en cada ocasión na que se fai un artigo sobre o detective máis famoso da literatura universal. Despoxados do pouco imaxinativo e bobo artificio, podemos falar da nova versión de Sherlock Holmes, unha superprodución da BBC británica que chega esta noite a Antena 3. Faino máis dun ano despois da súa estrea orixinal, e cando a casa de Windsor e os seus súbditos poden gozar xa da segunda tempada de capítulos, un atraso que volve tirar pedras contra o tellado da Lei Sinde e exemplifica a distancia cada vez maior entre o consumo cultural clásico e o apoiado nas novas tecnoloxías. Por certo, desta volta Sherlock non gasta pipa de opio pero si teléfono móbil, que é unha droga contemporánea como outra calquera.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros