Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Mércores 17 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Matrioshkas desmontadas

“Historias robadas” (Antena 3, 22:30 h.)

Sociedade 26/09/2012
  Envía a túa opinión

Dicía aquel vello merengue que había que animarse a descubrir o que levaba Marta moi agochado baixa a saia. Vista a coreografía e as facianas animadas do grupo El Combo Belga, podemos imaxinar que era nada ou case nada. Dende que Mary Quant manifestou o primeiro acceso da manía persecutoria que varias décadas despois padecen os liberais europeos do século XXI e colleu a tesoira para recortar, pouco misterio fica por resolver baixo a roupa feminina. Para acougo dos nosos avós, si, os seus herdeiros podemos confirmarlles que por enriba dos nocellos había máis perna. A única roupa de muller que é tan tépeda que, nin esgazada, revela nada é o hábito das monxas. Non hai intención erótica nesa afirmación. Isto non é “Interior dun convento”, aquel filme dos anos 70 que non tiña propósito documental, mais si libidinoso. Contabamos con descubrir a receita das xemas de Santa Clara e o que nos revelaban eran as artes do amor sáfico. Aquí do que falamos é de todo o segredo que envolve a mulleres que, fóra da clausura ou do Citröen, seguen desfilando entre nós como presencias alleas á realidade.


A pantalla universal produce monstros

“El poder de Youtube” (Antena 3, 00 h.)

Sociedade 25/09/2012
 23 comentario/s - Envía a túa opinión

Trompadas. Pero das gordas. Das que doen tan só con velas. Trapalleiros do patinete que abren a crisma contra unhas escaleiras de cemento. Amateurs do parkour que se desgracian por unha cornixa. Labazadas descomunais do chan contra as fazulas dos nenos que non saben frear no tobogán. Peitos encarnados a lume vivo tras aterrar perfectamente planos contra a lámina de auga da piscina. Dipsómanos de voda que enganchan no mantel e desatan o caos mentres escachan a louza toda. Bailaríns con sobrepeso que esborrexen e rebentan os abdutores. Lapdancers que perden o equilibrio cando xiran boca abaixo e sáltanlle os dentes cos tacóns de agulla aos erotómanos da primeira fila. Voadores de BMX que espetan a roda dianteira no esterno. Nenos xaponeses incapaces de soster o peso da cabeza e que baten contra o tatami. Afeccionados ás artes marciais en desastrosa imitación de Jean Claude Van-Damme. Condutores sen pericia e sen remedio esnafrándose contra o escaparate máis próximo. Golpes, broucazos, contusións, colisións, lategazos, sacudidas, sopapos, sopramocos, lapotes, moquetes, couces, escachados, esnafrados, estomballados, de fouciños, de cu, de morros, etc. Son un adicto. E Youtube é a miña droga.


Orgullo e prexuízo

“Lo sabe, no lo sabe” (Cuatro, 21:30 h.)

Sociedade 24/09/2012
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

O prexuízo é unha actitude humana que persiste grazas á asunción do mal menor. Ten connotación negativa, pero aínda así resulta arriscado prescindir da súa administración indiscriminada. Por mor dos prexuízos poida que esteamos a perder a oportunidade de coñecer a persoas marabillosas, mais se cadra teñamos fuxido dalgunha coitelada aquela noite na que, por puro prexuízo, decidimos evitar unha ruela escura chea de tipos con aparencia sinistra. Unha cousa vai pola outra. E, prexulgando unha vez máis, tampouco é que o mundo estea poboado de réplicas do señor Darcy e de Elizabeth Bennett, os modelos de excelencia cos que Jane Austen nos quixo vacinar contra as análises apresuradas do carácter humano. “As aparencias enganan”, apréndennos de pequenos, si, mais ao observar a Sánchez Gordillo coa palestina ao pescozo e a González Pons co lagarto no peito e as pulseiras brasileiras no pulso, coido que imos ben servidos para, prexuizosos de nós, inferir quen canta “A Internacional” co puño en alto e quen palmea as rumbitas de Siempre Así.


Ladrón de ilusións

“Equipo de investigación: El ladrón de la catedral” (Antena 3, 00 h.)

Sociedade 21/09/2012
 4 comentario/s - Envía a túa opinión

Veña, vai, confesemos, que agora xa pasou un tempo prudencial. Entre vostedes e máis eu: que decepción, non? Para isto, mellor estaba desaparecido. Porque a imaxinación é moito máis poderosa que unha realidade que, a maior parte do tempo, defrauda. E logo non imaxinaban unha misteriosa conspiración internacional cando roubaron o Códice Calixtino? Lémbronos aos xornalistas disimulando o entusiasmo de poder contar -por fin!- unha historia con material novelesco, unha das de verdade, das que acontecen sen rolda de prensa. Os titulares, canto máis gordos mellor. E despois as entrevistas a expertos, a xentes da cultura cun coñecemento vastísimo, aos párrocos con aire conspirador, aos detectives do caso... Foi unha reconciliación co ideal do oficio. E tamén, por suposto, o público gozando coas mil hipóteses, todos peneirando entre o ruxerruxe das tabernas da rúa do Franco, tentando cazar unha pista entre grolo e grolo de ribeiro. “Oíches? Roubaron o Códice!”, proclamábamos, e a seguir compartíamos teorías dacabalo entre “O nome da rosa” e as aventuras de Arsenio Lupin. Iso era antes.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros