Radio Océano nace na Coruña en 1981 con Xosé Manuel Pereiro á voz e baixo o pseudónimo de “Johnny Rotring” (parodia a Johnny Rotten, vocalista dos Sex Pistols); Santiago Romero, “Rossmero”, na guitarra; Pablo Iglesias, tamén coñecido como “Renato 414”, á batería; e Quique ao baixo. Entre o 81 e o 82, tras deles, naceron Siniestro Total e Os Resentidos, bandas coas que compartiron inquietudes e escenario. Neste último ano, a banda sofre o seu primeiro cambio na formación, Quique marcha e “Rossmero” colle o baixo, “Renato 414” cambia as baquetas pola guitarra e na batería senta Sito Evangelista, “Sitdown”.
Cun concerto titulado Camelias para Cunqueiro, Amancio Prada rendeu a súa particular homenaxe ao escritor mindoniense. Subiu ao escenario do Salón Teatro de Compostela -acompañado por Hilary Fielding ao violonchelo e Josete Ordóñez á guitarra e mandola- para interpretar pezas como A dama que ía no branco cabalo ou No sono do cuco novo. O compositor berciano salientou a súa “grande admiración” polo autor. “Desde que descubrín a súa poesía pensei que pedía ser musicada, sempre sentín eses versos con música dentro de min”, explicou en Radiofusión.
Despois de dez edicións, o Rock en Costa di adeus neste 2011 cun cartel cen por cen santiagués. A falta de diñeiro e de tempo dos organizadores, membros da Asociación Xurásica, é a causante do peche deste ciclo, segundo explicou en Radiofusión un dos promotores do evento, Martiño. As bandas Samesugas, Royalties, L´uomo di Gomma (que tamén dará o seu derradeiro concerto), The Homens e Redullos (que se reúnen tras cinco anos e só para esta data), vinculadas á Asociación Xurásica, serán as encargadas de poñer música á baixada de pano desta cita anual. O festival, con entrada de balde, está fixado para este sábado no patio do antigo Colexio Ramón Cabanillas, na rúa do Restollal, en Compostela.
Meu Canto, este é o título que Uxía elixiu para dar nome ao seu sétimo álbum. Un disco no que a intérprete galega realiza unha relectura dos temas fundamentais do seu repertorio en directo. Unha proposta limpa de artificios na que o fundamental é a súa excepcional voz. En total, 15 cancións que conteñen a palabra canto, porque este disco é unha reflexión sobre o acto de cantar e as emocións que provoca. Os primeiros en gozar deste novo traballo da artista de Mos serán os ourensáns nas Festas Patronais da cidade das Burgas, nas que Uxía actuará o 26 de xuño. Despois, xirará por outros puntos da xeografía galega, estatal e lusa.