O escritor Miguel A. Mato, compañeiro de Lois Pereiro no grupo De amor e desamor, vén de presentar a súa achega ao Día das Letras Galegas. Trátase da obra Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, editada por Laiovento, na que o autor nos aproxima, como lector, o seu pensamento sobre a figura literaria do poeta monfortino. Por iso, lembra a época de recitais e o ambiente cultural e estético vivido nos 80 xunto a Pereiro. Recorda como foi o primeiro recital ou recupera algún manifesto inédito daquela época. Tamén nos fala do Lois poeta e dos presupostos éticos e estéticos nos que baseou a súa obra.
Poesía Última de LP (Lois Pereiro), así se chama o novo espectáculo da compañía de monicreques Fantoches Baj, dirixida por Inacio Vilariño. Unha proposta que renuncia aos bonecos, pero non ao teatro de obxectos, construído a base de palabras e música en directo, e cos textos de Poesía última de amor e enfermidade como protagonistas. A partir dos seus poemas, e mediante o recurso explorado polo propio Lois de converterse en narrador de si mesmo, relátanse en primeira e terceira persoa os dous últimos anos da vida do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2011.
Remontámonos ao 1993 cando tres fans dos Diplomáticos de Monte Alto e Gwendal deciden montar a súa propia banda. Eran Paco Ramos (guitarra), Manolo Montero (frauta e voz) e Antón Díaz (baixo e voz). Axiña se unen a eles o batería Fran Amil e o gaiteiro Xan Xove e forman Os Papaqueixos. A súa aposta pola fusión do rock, o ska e o folk cunhas pingas de punk comézase a espallar polos torreiros das festas, e as gravación tampouco tardarían en chegar.
Música, danza e videoproxeccións conforman, unha vez máis, o último espectáculo de Projecto Trepia “... de Infinitum”, unha proposta dunha hora de duración na que a danza e a música tradicional galega evolucionan e se adaptan ao século XXI. Nela, once mozos trasladan a tradición galega aos novos tempos engadindo bases electrónicas e videocreacións, pero mantendo sempre o espírito das pezas que recollen da nosa tradición. Estréase ás dez e media desta noite no Auditorio de Cangas. As entradas xa están á venda ao prezo de 8 euros. O luns será a quenda do Forum Metropolitano da Coruña, ás nove da noite, no marco do Forumfolk.