Varias páxinas webs publican a posibilidade de que a administración autonómica financie o custe das mutuas dos futbolistas dende as categorías escolares ata cadetes. A Federación Galega de Fútbol e a propia Xunta de Galicia negocian estes días esta posibilidade. A Federación presentou unha proposta de máximos para pedir a financiación das mutuas a todo o fútbol galego salvo o profesional pero a Xunta parece que está polo labor de recortar esta posibilidade á canteira do noso balompé.
O equipo fenés realizou o sábado a súa presentación oficial desta temporada 2009/2010. O conxunto do Círculo de Fene militará na Primeira Nacional B coa intención de facer un bo papel e rematar nos primeiros postos da clasificación que dan opción ao ascenso. O sábado na presentación do equipo celebrouse un partido amistoso co Parrulo Ferrol que dirixe Mario Cabo. O encontro rematou con táboas no marcador.
O técnico do San Pablo Miguel Mourente afirmou onte na Tertulia Deportiva de Radiofusión que non lle gusta nada o xogo do Perlío, que xogan ao patadón e que non lle ve moita efectividade. Mourente dixo no programa deportivo que o San Pablo deulle un repaso onte ao Perlío e que o conxunto fenés non utilizou o medio do campo no seu xogo ofensivo.
Unha auténtica traxedia. Hai un mes Alex negociaba co xerente do Racing a súa volta á entidade ferrolán. Pedia duas temporadas pero o Racing non quería asegurar máis dunha e outra con obxectivos. Finalmente Alex inclinouse pola oferta do Celta B que tamén apostou duro por facerse cos seus servizos. Por primeira vez con 21 anos emigrou da casa camiño da cidade de Vigo. Atópase contento no club celeste e afirma en Radiofusión que lle dán toda a confianza do mundo. Engade que foi difícil abandonar Ferrolterra pero agora pensa que foi a decisión correcta. Onte xogou na Malata co seu equipo e marcou dous tantos ao Racing. Foi o vérdugo do conxunto de Juan e José Veiga.