Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 22 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

O cadelo ten pánico a un ataque zoófilo

“El Hormiguero: César Millán” (Cuatro, 21:30 h.)

Sociedade 04/05/2011
  Envía a túa opinión

Se por el fora, estaría disposto a ser o profeta dunha nova relixión. Así se presenta no seu show, camiñando cara o solpor cun caxato na man, e arredor das súas pernas desfilando obediente unha manada de cans movendo o rabo. Ás veces, pola gravidade no seu ton e a severidade dos seus consellos parecería que estivese obrando un milagre místico e non simplemente ensinando ao cadelo a mexar onde debe. Pero de aí procede precisamente o éxito de César Millán, de presentarnos o adestramento de animais domésticos como unha arte arcana que só alguén con capacidades mesiánicas pode ser capaz de interpretar. Por iso, para manter esa imaxe impenetrable de gurú ante cuxo maxisterio hai que pousar o xeonllo no chan, nunca permite que o vexamos recollendo, bolsiña na man, a deposición quente aínda dun membro da súa camada, ese xesto cotiá que, como dicía o chiste, faría pensar a calquera extraterrestre que o planeta Terra está gobernado por unha raza que camiña a catro patas e ladra, arrastrando a escravos por unha correa que se agachan a limparlles o cu.


A apocalipse máis aló do Barça-Madrid

“El Taquillazo: El Día de Mañana” (La Sexta, 22:35 h.)

Sociedade 03/05/2011
  Envía a túa opinión

Esta noite remátase o mundo. Así será para as moitas persoas que sentirán a punzada no peito e néboa nos ollos cando o seu equipo saia derrotado no Waterloo que irremediablemente sucederá esta noite na volta das semifinais das Liga de Campións de fútbol entre o Barcelona e o Real Madrid. Tal é a tensión que, arestora, nada importa do desenvolvemento en si mesmo do partido ou da mera competición deportiva, senón que para a maioría dos fanáticos abondaría con decidir o resultado co lanzamento dunha moeda ao aire para pasar directamente á rolda de prensa dos adestradores que, como ben se encargou de repetir o comentaristas da Televisión de Galicia no encontro de ida ata a molesta saciedade, é o elemento  máis relevante nun clásico devalado pola reiteración e no que xa importan máis as circunstancias que o esencial. Como adoita acontecer, fronte a ese monstro devoraudiencias, a maior parte das cadeas adoitan fuxir con programación de recheo. Resiste La Sexta, que contraatacando a Televisión Española co mesmo ton apocalíptico, programa o filme “El Día de Mañana”.


Os alegres divorciados

“Los Quien” (Antena 3, 22:30 h.)

Sociedade 02/05/2011
  Envía a túa opinión

A xente, cando mira polo seu propio interese, está pouco disposta a respectar a literalidade dos compromisos. A humanidade inventou as leis e o dereito para ter algo ao que acudir cando se tratase de denunciar o incumprimento dunha palabra dada. Millóns de dedos maimiños padecen reuma ou artrose, estou seguro, como penitencia para quen non respectou algo tan sagrado como unha alianza entre as máis pequenas falanxes entrelazadas, desas que se facían no patio da escola. Tampouco se ten consideración por eses pactos selados con cuspe nas mans e o estreitamento subseguinte: unha porcallada así merecería non ser tomada á lixeira. Pero aínda me admiran máis os millóns de persoas que contraen matrimonio polas regras da Igrexa católica e que son capaces de acatar ordes tan solemnes como “O que Deus uniu, que non o separe o home”, e que farían a calquera persoa sensata fuxir do templo non sexa que a carraxe divina se precipite sobre ela o día que non coide á súa parella na enfermidade ou na pobreza. E mesmo para xuramento tan sacramental, contra a lei celestial as persoas inventaron a súa escapatoria: o divorcio.


Misterio submiso

“Cinema: As mulleres perfectas” (TVG, 00:30 h.)

Sociedade 29/04/2011
  Envía a túa opinión

Poida que isto fique obsoleto se, na máis excitante noticia que lle tería acontecido a unha monarquía europea dende que en Versalles rodaron cabezas e Enrique VIII ía refregando a súa libido con todo o que atopaba, Guillerme ou Catarina deciden non ser príncipes de Gales e si do seu libre albedrío e marchan á fuga de Westminster, deixando á súa familia máis tatexos que o defunto avó de “El Discurso del Rey”. Pero cabe pensar que todo sucederá consonte ao ensaiado, no maior espectáculo escenográfico coñecido polas masas se exceptuamos as xiras do Circo do Sol e os concertos de AC/DC. Así as cousas, Miss Middleton, á que seguro adobían múltiples talentos e virtudes comezará a ser observada, xa non tanto polo que di ou fai, como por se o bolso bagette que leva combina axeitadamente co vestido por debaixo dos xeonllos na recepción oficial ao Marajá de Kapurtada, ou se ou seu sorriso é perceptible pero contido e as súas maneiras gráciles pero leves, como require o apostolado da naftalina que o mesmo escribe dende The Sun que rexouba en “El programa de Ana Rosa”. O programador da TVG, sempre atento, perspicaz e creativo, programa unha noite de cine co filme “As mulleres perfectas”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros