Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Venres 19 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

A maternidade como cambalache

“Ladrones de niños” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 28/04/2011
  Envía a túa opinión

Será a proximidade do gol de Iniesta, que disque favoreceu moitas alegrías nocturnas; será cousa dos que apuraran para ver se aínda podía rascar algo do cheque bebé; ou será que, por idade, un advirte cousas nas que antes non se fixaba: de neno es capaz de gravar a lume na retina os escaparates das tendas de xoguetes; de ancián sabes cal é o banco do parque coa mellor sombra; e cando te aproximas a iso que chaman a media idade, que non a idade media dos relatos de cabalería, sangue e espada, desenvolves un radar para detectar embarazos e bebés. Ao meu redor, entre as amizades, comezan a agromar cun ritmo preocupante: cantos máis suceden, menos faltan para que che pregunten polo teu propio. O meu instinto paternal continúa moi sufocado, pero semella que aqueles que non o poden reprimir poden ir ao mercado a encargar un naipelo ao peso.


Como diría Phil Collins: Santo Su-su-súbito

“El milagro de Juan Pablo II” (Antena 3, 00 h.)

Sociedade 27/04/2011
  Envía a túa opinión

Noutros tempos isto que vou dicir faríame rematar torrado como unha hamburguesa do Burguer King: “Á grella, sabe mellor” pensaban tamén os responsables da Santa Inquisición. Malia que tiveron por estes pagos a súa mellor sucursal, cabe pensar que, tal e como mandan as Sagradas Escrituras, o cristianismo evolucionou máis cara o perdón e menos cara a tortura. Así que aí vai: ás veces ben parecera que os santos son máis suíñas que o xenio da lámpada de Aladino. A todos nos aprenderon de nenos que abondaba con fregar unha peza de vello metal para facer asomar a un ente todopoderoso que nos había conceder tres milagres. Así se conta nas fábulas, e tamén se conta na Biblia que Xesús era quen de multiplicar pans e peixes a vontade ou que Moisés batía co caxato no chan e abría unha autoestrada no Mar Vermello que rite ti dos soños da ponte sobre as rías para conectar A Coruña e Ferrol. Agora, pola contra, para ascender aos altares vaticanos, abonda con facer unha milagre única e unipersoal. No caso de Juan Pablo II, santo súbito, curar a unha monxa dunha doenza fatal. Arestora estaranse preguntando todos aqueles aos que unxiu como é que a eles, con semellante poder, non lles tocou unha reparación do mesmo calibre.


Dramatizados

“Guillermo y Kate” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 26/04/2011
  Envía a túa opinión

Levamos tempo de máis chamándolle telefilmes a esas películas creadas directamente para a súa emisión na pequena pantalla, con ese recendo a produto de serie B, e que funcionan á maneira dun colirio para limpar o lacrimal: se non inducen ao choro ou ao patetismo, non merecen existir. Doenzas dexenerativas ou terminais, fillos secuestrados, asasinos en serie ou amantes bipolares, conforman a galería de praceres culpables que asexan a quen non saiba reaccionar a tempo e confunda ese gran fino, esa textura que non é celuloide cunha película corrente, sen advertir que non hai as bandas negras do cinemascope que, nas nosas pantallas de 16:9, fan parecer as imaxes tiras cómicas do xornal. Tamén incluímos entre os telefilmes todos estes produtos recentes especializados na adaptación fulgurante de feitos reais e que están a facer furor nas televisións españolas, xa sexa contando o crime de Fago co cadáver aínda quente, rodando a vida da Duquesa de Alba coa gravidade de Ana Karenina ou o romance de Felipe e Letizia coa comicidade do circo de Miliki. Este tipo de historias, precisan doutro nome. 


A cidade como parque de xogos

“Yamakasi” (La 2, 22 h.)

Cultura 25/04/2011
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

Un recente proverbio do occidente capitalista di: “Escolle ben as túas modas”. Para a súa vida en comunidade, o ser humano contemporáneo debe procurar maneiras de integrarse que lle permitan o recoñecemento por parte dos seus semellantes e unha existencia compartida, máis segura e feliz a carón daqueles como el. A tal efecto cómpre estar atento a eses fenómenos sociais, fugaces como meteoros, que se chaman modas, e dos que se di que retornan periodicamente como o cometa Haley. Pero non sempre acontece así e de cote perdemos a memoria de todos os que subiron ao tren equivocado. Bailaríns de hula-hop, coleccionistas de pulseiras de chinitos da sorte, afeccionadas á tatuaxe tribal no lugar da picada epidural, exhibicionistas de roupa interior que asoma sobre os pantalóns caidos... Todos eles atoparon un oco de seu e a aceptación dunha comunidade multitudinaria que, superado o sarampelo e a fugacidade da súa moda, os pousará agarimosamente na vida adulta. Fans do parkour, por todos vós entoamos un lamento. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros