Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Martes 19 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Poética do intervencionismo

“Final Copa do Rei de Fútbol” (TVE, 21:30 h.)

Deportes 20/04/2011
 1 comentario/s - Envía a túa opinión

Se nos fiamos dos vellos ditos, España vive estes días drogada cun colocón que xa quixera Keith Richards. A coincidencia nas mesmas datas da Semana Santa e a final da Copa do Rei de fútbol fai bulir a cabeza de boa parte da poboación como unha cheminea de Endesa que non para de queimar opio. Agora como nunca, co paro en máximos históricos e o ánimo baixo, as prioridades vitais pasan polo pan e o circo, o sustento e a distracción. Eu son un gran partidario do lecer, pero teño certa aversión a tomar as cousas demasiado en serio e vivo con pasmo as interseccións entre a Paixón cristiá e o fanatismo deportivo. A fe e a militancia nunha cores comparten o irracional, e se no Estado hai agora mesmo unha lenda relixiosa que cause furor, esa é a de Caín e Abel. Haberá que estar atentos ao día no que a Península Ibérica esgace dende o río Douro até Madrid, e de alí ata o Levante, partida en dúas metades, tal é a presión que se exerce maioritariamente dende os dous únicos amarres que se nos ofrecen: só dúas opcións políticas, só dous equipos de fútbol e unha única confesión abondan para explicar o mundo, estásenos a dicir. Esta noite festéxase algo máis que un partido: celébranse os funerais pola morte da terceira vía. 


Ouvido de ultratumba

“Más allá de la vida” (Telecinco, 00 h.)

Sociedade 19/04/2011
  Envía a túa opinión

Por moito menos, sentarán ao xuíz Garzón no banco dos imputados. E é que iso de andar escoitando conversas alleas é un asunto que dá para non pouco debate e resulta extraordinariamente televisivo. As escoitas ás agachadas sustentaron e déronlle nome a ese tótem da televisión contemporánea, “The Wire”, a serie na que os axentes da lei seguen de orella o movemento dos baixos fondos de Baltimore. Os programas da prensa amarela tamén viven dos seus equipos de investigación que adosan o pavillón auricular ás portas do Buda, Joy Slava ou calquera entorno no que un personaxe famoso poida deslizar algo do seu currículo sexual persoal. Pero nin orde xudicial nin horas de espera e impertinencia se lle requiren a Anne Germain, a médium británica que non perde ripio de canto acontece nunha dimensión espectral, que se mestura coa nosa pero para a que semella que estamos xordos. Só ela, con algo así como o Whisper XL da percepción paranormal, pode sintonizar os diálogos de ultratumba. O fai, segundo advirte Telecinco, “supostamente”, porque como todo nesta vida, precisa dunha colaboración necesaria e crédula no único sentido posible para a palabra. 


“Heiche despiollar a melena, bo mozo”

“Sansón e Dalila” (TVG, 23:30 h.)

Sociedade 18/04/2011
  Envía a túa opinión

Guardiola, Bruce Willis, Moby, Rubalcaba... Ás veces cómpre procurar referentes alopécicos cos que combater a imaxe recorrente de Brad Pitt axitando a melena longa e loira en “Lendas de Paixón”, esa estampa que fixo medrar a unha xeración de mozas devecendo por homes de torsos hercúleos e prodixios capilares aos que poder emprestarlles as pranchas de peiteado. Aqueles que deixamos o cartón ao aire dende ben cedo e que temos que soportar a teima da xente en mercarnos esas camisetas de souvenir coa lenda “Isto que levo na cabeza non é unha calva, é un panel solar para unha máquina de sexo”, debemos reinventar constantemente o noso atractivo estético para camuflar unha eiva imposible de agochar. Por suposto, nin falemos do perruquín. A tiranía da cosmética que vén furando os petos das mulleres con promesas de mondar a pel de laranxa, aparécesenos aos homes en cápsulas milagreiras que, como as traxedias clásicas, tan só adían o inexorable. Mesmo a Biblia, chea de fábulas moralistas destinadas a someter á autonomía feminina, so pena convertelas a todas en statua de sal, reserva o seu capítulo á condena dos alopécicos.


A vida é fría e triste lonxe da Visa de Papá

“Hijos de Papá” (Cuatro, 22:30 h.)

Sociedade 15/04/2011
  Envía a túa opinión

Non sabes como chega, pero chega. Maniféstase de súpeto e ten difícil volta atrás. O día en que te descobres criticando á xente máis nova ca ti, abandona toda esperanza: estás percorrendo xa a senda do “carcamal”, unha ruta sen marcha atrás cara o conflito xeracional contra aqueles chamados ao ocupar o teu lugar. Empézase polo asombro case indignado polas pintas dunha moda que che é allea (digamos vestir pantalón cando o propósito obvio do teu estilismo e que se vexa o calzón enteiro, dende a goma da cintura á perna), e remátase comezando as frases co sintagma “Nos meus tempos...”. Estes raptos de rabudeza anciá asexan en calquera momento e cómpre estar atento para evitalos e manter o convencemento na propia louzanía e mocidade perpetua.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros