Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Domingo 22 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

O amor reñido como receita para a supervivencia

“Gran Hermano” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 10/03/2011
  Envía a túa opinión

O meu primeiro impulso foi chamar a Amnistía Internacional. Iso si, despois de que me pasara o pasmo de coñecer que os concursantes de “Gran Hermano” levan cinco meses de peche en Guadalix de la Sierra. Haberá quen diga que se trata dunha penitencia voluntaria, pero habería que estudar até que punto a vontade dos participantes non está diminuída por unha clausura tan prolongada e o cebo dun maletín cheo de cartos que se vai entregar esta noite, coido que xa non tanto por expreso desexo de Telecinco -que sabe que a galiña aínda é poñedora- como por unha chamada ameazante de Ban Ki Moon recordando os aspectos máis esenciais en respecto aos dereitos humanos. Como tres persoas son capaces de sobrevivir durante 20 semanas na máis completa inanidade, estomballados a maior parte do tempo na cama e o sofá sen televisión, porque eles son a televisión, é algo que merece estudo e, sobre todo, un tratamento suave de aterraxe na realidade cotiá e non o terceiro grao disparatado desa domadora de circo de tres pistas disposta a facer a un tempo o papel de látego, fera, pallaso e trapecista, na que se foi transformando Mercedes Milá.


Un dos cargos directivos vetados ás mulleres

“La mujer Papa” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 08/03/2011
  Envía a túa opinión

De entre todos os eventos preparados polas cadeas de televisión para celebrar este Día Internacional da Muller Traballadora, é Antena 3 quen gaña o premio á idea máis orixinal por reivindicar o, non sabemos se desexable, acceso das mulleres a un dos oficios que tradicionalmente teñen vedados. Trátase ademais dun que cumpre con todos os requisitos que adoitan saír á luz cando de reflectir a discriminación laboral se trata: só se concibe como unha profesión acaida para un home, é un cargo directivo,  ten un salario superior á media e, polo que se saiba, non é un contrato temporal, senón vinculante até a fin dos días. Claro que un non sabe se o día que saia unha muller a dar a bendición “Urbi et Orbe” ao balcón da Praza de San Pedro, ás monxas que alí se congregan para escoitar a palabra de Deus lles dará unha alegría pola nova conquista feminina ou máis ben un desmaio colectivo.


Sancho márcase un Gürtel

“Crematorio” (Canal +, 22 h.)

Sociedade 07/03/2011
  Envía a túa opinión

Se é certo que a prensa posúe algún poder, o primeiro deles que debera exercer é do protexernos dos nosos políticos a través da información fidedigna das súas actuacións e non só do libelo interesado, como semella que vén acontecendo en debates televisivos que pretenden pasar por rigorosos escenarios de confrontación. Pero por moito que un exercicio responsable do xornalismo nos garde dos representantes públicos máis interesados en servir aos seus intereses que aos dos demais, aínda temos que preguntarnos quen nos protexerá de nós mesmos. Son dúbidas que soben correndo polas costas, producindo grima como un desfile de vermes, ao ver a Francisco Camps, o cargo político máis veces referendado da historia recente, asinando un manifesto contra a corrupción durante un mitin do seu partido, e ao intuír que bañará na corrente de votos todas as súas miserias e as nosas así como os devotos do hinduísmo lavan as culpas nas augas do Ganges. Nese escenario xa clásico do Levante español, que tan ben coñecemos pero contra o que non reaccionamos, das corruptelas e das promocións inmobiliarias acordadas baixo palio, transcorre “Crematorio”. 


Psicodelia para maiores e pequenas

“Bob Esponja” (Cuatro, 20:45 h.)

Sociedade 04/03/2011
 8 comentario/s - Envía a túa opinión

Pasaron os Oscar e escoitei todo tipo de críticas contra uns premios acomodados que honraron a un filme, “El discurso del rey”, que fica moi lonxe de resultar memorable. Sabendo que “La red social” era o máis próximo a unha obra mestra que figuraba entre a penúltima peneira dos académicos de Hollywood, tamén atendín a unha boa defensa dos méritos de “Toy Story 3”, que realizou un notable sprint até estar a piques de ser o primeiro filme de animación merecedor de resultar premiado como longametraxe do ano. Os alemáns foron algo máis precoces cando hai uns anos xa lle concederon o Oso de Berlín a “El viaje de Chihiro”, do mestre xaponés Hayao Miyazaki. Tanto neste caso como no do filme de Pixar, pódese dicir que posúen o mérito, sobre o resto de competidores, de ser capaces de provocar unha satisfacción semellante a espectadores, como dicían os xogos reunidos Geyper, de 0 a 99 anos de idade. Se os debuxos animados facturan tanto diñeiro na billeteira xa non é só porque ademais da entrada do neno interesado no filme hai que pagar a dos pais que lle dan a sorber a Coca-Cola Sen Cafeína edición especial Buzz Lightyear, senón que hai adultos dispostos a ver as películas con interese sincero. O fenómeno é tal que até Bob Esponja vén de gañar un oco de seu preto do prime-time.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros