Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 23 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

O triunfo da xenética privilexiada

“Sr y Sra Smith” (Antena 3, 22 h.)

Sociedade 02/02/2011
  Envía a túa opinión

Brad Pitt e Angelina Jolie teñen unha misión da que depende o futuro da nosa civilización. E non, non pasa pola adopción de todos os orfos que no mundo son, aínda que vaian camiño diso. A parella máis famosa do planeta posúe a responsabilidade de manter por sempre o seu romance, que nestes tempos de tolemia concede á xente a confianza de que as cousas aínda se rexen por unha orde lóxica que desafía as regras do mero capital. Que Bernie Ecclestone, o patrón da Fórmula 1, leve dunha man o seu bastón e da outra a unha top model 60 anos máis nova ca el causa estrañeza, pero que as dúas estrelas máis guapas e desexadas do orbe se reserven o un para o outro restitúe unha certa fe relixiosa na orde natural das cousas, algo así como a devoción por un panteón de seres superiores, citius, altius, fortus, ricus tamén, uns Apolo e Afrodita da aldea global. Nas enciclopedias do século XXII cando os contidos da Wikipedia se nos insiran no cerebro a través dun chip, que así será máis ou menos o funcionamento do ensino obrigatorio, ao chegarmos ao “Adán e Eva” de Durero, as facianas das dúas figuras míticas estarán photoshopeadas coa estampa de Brangelina


O foro da familia (gótica)

“Ángel o Demonio” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 01/02/2011
  Envía a túa opinión

Morreron os raios UVA, longa vida ao po de talco. O próximo verán as raias do bikini serán morenas en comparación coa pel que queda ao aire, e as máquinas de bronceados substituiranse por aspersorios que regarán con caolín a epiderme de todos os que devecen por alcanzar o ideal de beleza ao que xa lle cantaban Procol Harum cando despois de bailar o último fandango celebraban a súa branca palidez. Fernando Arrabal clamaba pola chegada do mileniarismo, pero polo de pronto o que chegou foi o vampirismo, unha revisión gótico-romántica das relacións amorosas dacabalo de “Crepúsculo” ou “Amar en tempos da hemoglobina”, o fenómeno adolescente que acabará transformando a festa de San Valentín nunha exaltación do canibalismo na que, as parellas, en troques de bicarse con fruición acabarán por espetarse trabadas no pescozo. Palidez e vampiros é o que se leva. Telecinco, sempre ao quite das modas, quere aproveitar o fenómeno, pero para evitar o plaxio e que resulte menos evidentes fai como os deseñadores dos bolsos de imitación que se venden na rúa e que alí onde debera poñer Louis Vuitton, anuncian Luís Futón.


O peor pesadelo de Anne

“Destino Eurovisión 2011” (TVE, 22:15 h.)

Sociedade 28/01/2011
  Envía a túa opinión

Anne Igartiburu volve esta noite ao seu Vietnam, Eurovisión. Un ano despois, estou convencido de que aínda esperta con suores na cama lembrando o día en que lle foi arrancada para sempre unha das súas capas de azucre, esa dozura persoal que usa para chamar “corazóns” á audiencia e para evitar que tantos e tantos famosos advertisen como estragaban a súa imaxe pública bailando o charlestón baixo a supervisión estrita dun duro profesor de nome Poti. Todo arredor da presentadora  de caramelo era como no mundo dos Osos Amorosos até que o ano pasado a gran bomba do cinismo que millóns de persoas con tempo libre e espírito contestatario van fabricando en Internet lle estoupou nos morros e en directo. Ante o seu sorriso conxelado, John Cobra, matón de barrio e patriota valenciano a quen calquera día veremos formando a escolta de Francisco Camps, convidou a toda audiencia, nenos e maiores, a practicarlle unha felación, ao tempo que, para aqueles que non coñecesen a palabra de orixe latina, lles facía unha tradución xestual de en que consistía tal mester.


O libro como reliquia

“Falámolo: a fin da era Gutenberg?” (TVG, 2:15 h.)

Cultura 27/01/2011
  Envía a túa opinión

Ao ver as fotos da inauguración do primeiro terzo da Cidade da Cultura, tiven unha impresión que aínda non se me foi: os Príncipes de Asturias, Felipe e Letizia, semellaban unha parella de mozos visitando un piso para convertelo na súa vivenda e cavilando en se pagaba a pena hipotecarse por el, mentres que diante deles, feito un pincel, ía o comercial contándolles as bondades do inmoble: é moi amplo e luminoso, de deseño moderno, ten espazos diáfanos e unhas vistas inmellorables sobre Santiago; tamén ten calefacción, e aínda que polo tamaño das habitacións, resulta un pouco caro quentalas, todo é tan coqueto que paga a pena. O axente inmobiliario en cuestión en todas as fotografías era Alberto Núñez Feijóo. Esa impresión de piso baleiro veume ao detectar no segundo plano eses enormes andeis dos arquivos e bibliotecas aínda baleiros ou cuns poucos libros para disimular, até o punto de que un non sabe se eran libros de verdade ou lombos de volumes falsos de madeira deses que venden en Pórtico para decorar as casas e que tanto abundan nas reportaxes das mansións de famosos. E entón pensei: tamén ten coña investir centos de millóns de euros en baldas para libros cando agora en todas partes nos din que abonda cun Kindle ou un Ipad para amorear as follas nas que deixamos as dioptrías. A Televisión de Galicia reflexiona arredor desta contradición. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros