Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Xoves 21 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

O Aleph

“Hay una cosa que te quiero decir” (Telecinco, 22:30 h.)

Cultura 26/06/2012
  Envía a túa opinión

O Aleph, Xanadú, o Valhalla, o Parnaso, a cova de Alí Babá, a caverna de Platón... Todo o universo, todo o seu misterio cabía naquel intersticio que fugazmente asomaba durante un acompasado movemento de pernas. Eran os 90. Non quero dicir que nos excitásemos coa contemplación dunha saia por enriba do nocello como os nosos avós, pero en materia de sexo calquera data anterior a internet haina que cualificar como prehistórica. A rede é para o descubrimento do corpo espido o que a imprenta para a Ilustración. Así que benvida sexa a desaparición dos tabús, mais tampouco hai que ver aos adolescentes da miña época como un casting xigantesco para o filme “Supersalidos”. Non tanto tempo atrás os nosos pais, xa adultos eles, cruzaban a Perpiñán para ver no cine a Emmanuelle sentada nunha cadeira de vimbios.


Viaxes aos territorios marcados por Milú

“Docufilia: Los viajes de Tintín” (La 2, 21 h.)

Cultura 25/06/2012
  Envía a túa opinión

Algún día, armado de valor, con tempo e diñeiro abondos, gustaríame viaxar. Polo de agora, conténtome con facer turismo. E satisfaime a experiencia convencional, que conste. Non teño tanto mundo como para facer que vou a Compostela e evito a praza do Obradoiro porque xa se sabe, está inzado de turistas, cóbranche por sacar unha foto cun cadelo disfrazado de peregrino, hai tunos vendéndoche postais e chaveiros do botafumeiro, e até o Santo dos Croques leva un casco patrocinado por unha aseguradora. Non. Eu chego, sigo a guía, leo un resumo sobre os méritos da Catedral, engado imaxinariamente un +1 aos meus puntos en cultura e vida como se fose un personaxe de xogo de rol e, acto seguido, busco outra persoa común, un turista de patacón coma min e pídolle que me tire unha foto, nada artístico, o que se di un estándar: eu no medio e o monumento ás miñas costas, ben centradiño, porque se Neil Armstrong viaxou á Lúa só para espetar a bandeira e oufanarse de que estivo alí, non teño por que andar eu con melindres. E sei que as viaxes de Tintín non terían sido o mesmo tirando de Trivago e das guías Lonely Planet, pero eu aínda son explorador novato, non un expedicionario. 


Merkel, morituri te salutant

“Eurocopa: Alemaña-Grecia” (Cuatro, 20:45 h.)

Deportes 22/06/2012
  Envía a túa opinión

Non é asunto pequeno. Temos que decidir dunha vez por todas se o fútbol é un xogo de bandeiras ou non. Aceptar que si, que o devir dun partido debe ter implicacións que exceden o marcador, reforzando reivindicacións nacionais, modelos de Estado ou reformas da Carta Magna, é conceder que, como escribiu Vázque Montalbán verbo do Barça, eses deportistas en pantalón curto, sen lanzas ou rifles, mais con tacos nos pés e brillantina na testa, son en verdade “exércitos desarmados simbólicos” dun territorio. Isto, que semella a depuración suprema e en pipa do fútbol como opio de masas, pode ter, porén, efectos beneficiosos. Se a titularidade das Malvinas se tivese dirimido naquel encontro entre Inglaterra e Arxentina no que Maradona ergueu a “man de Deus”, todo tería sido máis emocionante e borrariamos das crónicas unha guerra e centos de mortos. Defender que non, que o fútbol é un espectáculo para o entretemento ao que non cabe conferirlle maior valor simbólico que ao “Sálvame Deluxe”, quita non só as bandeiras dos estadios, senón a maior parte de lacras que en forma de violencia, fanatismo, manipulación de masas e corrupción de todo tipo, contaminan o deporte. E, ao cabo, en función da nosa escolla, teranos máis ou menos interese o encontro Alemaña e Grecia dos cuartos de final da Eurocopa. 


A polo corazón dos fans

“El Número Uno” (Antena 3, 22:30 h.)

Sociedade 21/06/2012
  Envía a túa opinión

Nos fans teñen a salvación e nos fans teñen tamén a condena. Ao final, os aspirantes a unha carreira na música pop de consumo masivo dependen do latexo do público, de se son capaces de facerse polo menos coa sístole ou coa diástole dun corazón que marca todos os compases ao ritmo dun único amor verdadeiro. Porque estando na rapazada adolescente o público obxectivo do pop de masas, hai que combater contra a tendencia propia da mocidade do apaixonamento exclusivo. E resulta que vas dado cando centos de millóns de pulsacións atenden unicamente aos saloucos de Justin Bieber. Por que te han querer a ti e non a el? Xa que logo, postos a facer unha vida na industria musical, non é de moito máis proveito encamiñarse pola ruta dos malditos, dos artistas de culto, dos intérpretes de estilos que precisan de tres ou catro cualificativos para etiquetalos (sempre pegados ao prefixo post-)? Non hai un rabaño moito máis fiel para o músico común nos 20 ou 30 asistentes ao recital nun pequeno garito que nos miles que ateigan o estadio por esta vez, pero xa nunca máis porque o vindeiro ano por estas datas haberá outra estrela citius, altius, fortius e cun peiteado máis á moda? Seica non. Ninguén quere empuñar o micrófono para empresas modestas. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros