Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Venres 19 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

A gran caída da cabicha

“Comando Actualidad: Menos humos” (TVE, 22.15 h.)

Sociedade 26/01/2011
  Envía a túa opinión

Acabaremos trocando o chisqueiro polo roll-on. Contáronme que a cousa de establecer contacto carnal nas noites de discoteca está a sufrir unha revolución sinestésica, na que os sentidos que interveñen no cortexo inverteron as súas funcións. Antano, a selección natural da especie comezaba por un exame visual, e admirada a peza no seu conxunto, procedíase ao contacto ollo contra ollo para ver se de aí saltaba a faísca axeitada. Agora, polo que me din, a altas horas da noite, cando todos os gatos son pardos e xa pides que lle carguen menos ao cubata, resulta que hai que pechar os ollos, baixar o nariz e colocalo á altura da sobaqueira para obter unha intuición precisa de se a nosa libido vai darlle o aprobado ao obxectivo. Á lei antitabaco debémoslle, polo que parece, a recuperación do cheiro salvaxe a bravío que producen as aglomeracións humanas en lugares propensos ao suor, como son as discotecas. Habida conta de que tantos anos de perfumes e fume de nicotina estragaron a afección da nosa pituitaria polo arrecendo a cortello das feromonas, a supervivencia da nosa especie depende arestora de que os donos dos locais de ocio nocturno coloquen uns aspersorios con desodorizante que reguen á multitude dende o teito ao igual que se fai nas festas da espuma, a onde por cento, de agora en diante haberá que ir con esponxa e un bote de Heno de Pravia. A expulsión dos fumadores, xamais o pensamos, desenmascarou a nosa hixiene. 


En Telecinco xa non lle collen o teléfono

“¡Allá tú!” (Cuatro, 19 h.)

Sociedade 25/01/2011
  Envía a túa opinión

Dende que os xaponeses deixaban os dentes e o orgullo nas probas de “Humor Amarillo”, nunca vin un concurso na televisión que me perturbase tanto como “¡Allá tú!”, tamén coñecido como o xogo das caixas. Polo mesmo prezo, podías asistir a un xogo de mecánica sinxela para facerse case millonario e a un reality show concentrado en pílulas e que podería rivalizar con “Gran Hermano”, se non fose que neste caso os protagonistas non están obrigados por guión a rematar cada frase cun exabrupto e manifestando o seu desexo de defecar sobre todas as polas da árbore xenealóxica dos seus compañeiros de clausura televisiva. Ademais, Jesús Vázquez, por moito que o tentase, nunca chegou a ser tan histrión como Mercedes Milá. Pero o fascinante do concurso vespertino era que, entre os pequenos intercambios negociadores entre os participantes, adiviñábanse novas amizades, flirteos e un aire de festa continuo, como se levasen dúas semanas de colonias, vivindo nun campamento anexo ao set de gravación. Do máis novo ao máis vello, o estado de excitación xuvenil era semellante ao dun concerto de Justin Bieber. Eu sempre desconfiei dos aditivos que salpementaban o cátering do programa. Tanta alegría de vivir que non se pode aturar volve agora en Cuatro.


A señora ama en tempos revoltos e republicanos

“14 de abril. La República” (TVE, 22.15 h.)

Sociedade 24/01/2011
  Envía a túa opinión

Amores imposibles condicionados por unha época. Así reza a sinopse de “14 de abril. La República” un spin-off, isto é un fillo tardío, nacido de “La Señora”, e un concepto que, de tan posmoderno como soa, semella de difícil relación coa ficción histórica. No slogan que anuncia a serie maniféstanse os seus poderes así como as súas eivas. Este renacido gusto pola recreación da propia historia recente padece dunhas tramas que o mesmo nos poderían situar na Venezuela dos anos 90 durante o reinado de audiencias de Catherine Fulop como Abigaíl Guzmán, que na proclamación da II República española, pois tanto ten. O tempo político acaba por resultar puro atrezzo pois o que realmente sostén o relato sons os contos de capuletos e montescos reinterpretados unha e outra vez, ata a banalización do que Shakespeare estilizara e Corín Tellado convertera en opio do pobo.


Descanso dominical

“Especial Plácido Domingo” (La 2, 21 h.)

Cultura 21/01/2011
  Envía a túa opinión

Despois de Carmiña Burana, por cuxa actuación aínda agardamos -a ver se para cando estean rematados todos os edificios da Cidade da Cultura-, a voz máis famosa do bel canto ten que ser a do artista con nome máis relaxante que se teña coñecido. Erguerse da cama ao mediodía, pasar a xornada en pixama, estomballarse no sofá escoitando os partidos de fútbol, ler un libro na sobremesa, un bandullo grande con barba e unha voz profunda que fai resoar o interior das nosas entrañas, todo iso é un plácido domingo. Malia a súa proxección internacional e o recoñecemento case unánime que a súa é unha foto para ocupar todo o espazo libre que deixa o fino retrato de María Callas nas enciclopedias de ópera, ás veces semella que ter un tenor como Plácido Domingo é como ser compatriota do campión de Europa de tute subastado ou da recordwoman de saltar á pata coxa. Son os mellores no seu ámbito, pero a proxección popular do seu ámbito e moi selecta. A Domingo celébranlle un festa de 70 aniversario os seus amigos da ópera pero demasiado gremial para que La 2 poida rebentar os índices de audiencia esta noite.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros