Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Venres 19 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Dentes, denteeees

“Operación Malaya” (TVE, 22:15 h.)

Sociedade 14/01/2011
  Envía a túa opinión

É un signo dos tempos que haxa unha tendencia crecente a crer máis na ficción que no xornalismo que, de maneira xeral, é cada vez menos unha profesión de fiar na que importan máis as cabeceiras que os seus profesionais, a sinatura do presidente do consello de administración nos cheques que a do xornalista no artigo ou peza, os intereses económicos dalgún accionista estranxeiro que o respecto ao lector ou televidente. Na pantalla téñense investido horas incontables en referir as circunstancias da Operación Malaya contra a corrupción no concello andaluz de Marbella, porén o único que eu retiven na cabeza foi un balbordo indistinguible de voces que mesturaban os delitos urbanísticos, subornos e prevaricación cos romances, adulterios, envexas, chaneles, Paquirrín, entradas e saídas do cárcere e as barbas da Pantoja a remollo. Sei que Juan Antonio Roca cagaba no seu váter mirando para un Miró e que Mayte Zaldívar tivo unha época de vida disipada, pero cústame reter como comezou todo e como rematou, se é que o fixo. Alí onde non chegaron os debates de “DEC” e “Sálvame” chega a ficción.


Patrioterismo baixo lupa

“Banderas de nuestros padres” (La 2, 22 h.)

Sociedade 13/01/2011
  Envía a túa opinión

Os homes si choramos, o que acontece é que a falla de práctica nos atrofia o lacrimal. Habita nalgún lugar dentro de nos un botón para a emoción que só se activa baixo determinadas circunstancias e que abre as portas para que mane a auga salgada dos ollos, o mesmo que acontece coa fervenza do Xallas, que cae con moi pouca frecuencia, e só cando Villar Mir, que ten o control sobre o río, preme no dispositivo que a activa. Con iso de chorar pasa como cos esbirros, que non sabes que os vas padecer até que xa asoman á túa faciana e, por moita forza que fagas para reter as bágoas ou o achís, iso xa non hai quen o pare. Facendo memoria dos meus quebrantos, coido que o máis recente foi nun concerto -e non porque alguén ferise os meus oídos, senón todo o contrario-, e de seguro que nas ocasións anteriores a emoción débolla a Hugh Grant no momento en que conquista á moza da comedia romántica na sempre eficaz representación do patán triunfador. Pero tamén me acorda e, non é que eu sexa nada patrioteiro ou belicista, vivir uns intres de encollemento na butaca e de sorber os mocos para arriba mentres asistía aos intres finais do filme de Clint Eastwood “Banderas de nuestros padres”.


Aquí non hai quen viva

“Comando Actualidad: Comunidad de vecinos” (TVE, 22.15 h.)

Sociedade 12/01/2011
  Envía a túa opinión

Acontece todos os sábados ás doce do mediodía, cando un tenta apurar o quinto ou sexto sono na cama. Starsailor, unha banda pouco popular dos restos do brit-pop, comeza a soar a través dos muros até que salto fóra do colchón. Ao meu veciño, atrapado no ano 2001, débolle non perder a fin de semana descansando entre sabas. O ritual sucédese con puntualidade británica semana si e semana tamén, e o volume é tan notable que xa aprendín a cantaruxar as súas cancións favoritas. Mesmo sei que nos últimos meses ampliou a súa discografía: debéronlle agasallar os discos de The National e La Bien Querida, pero sempre, indefectiblemente, acabamos retornando as cancións de Starsailor que, a base dese traballo de percusión auditiva pouco subliminar, xa son capaz de asubiar baixo a ducha. Este vive parede con parede no edificio do lado. Antano tamén tiña que padecer a sofisticación da veciña do sexto. A Papurisa, que así a alcumábamos, nada quería saber das zapatillas e para pasear a todas horas durante unha casa que, de seguro, estaba forrada de espellos, facía pasarela polo corredor taconeando con furia de flamenca. Escoitar o son punzante no medio da noite dábame suores fríos como se estivese no medio dun filme de Hitchcock. Aínda me cae peor o do 6º dereita, merengue irredento, que sae fóra de si a berrar cada gol do Real Madrid. Leva uns aniños bastante calado, iso si. E aí están, os veciños, que como a familia, non se escollen. Ás difíciles relacións entre comunidades forzosas dedícase esta noite “Comando Actualidad”.


Hai que coidar mellor ese cute

“The Walking Dead” (La Sexta, 22.15 h.)

Sociedade 11/01/2011
  Envía a túa opinión

Aí estamos algúns, pendentes do que se move, da onda, dos trending topics, sempre á espreita para manternos na vangarda e poder merecer ese cualificativo que tamén descualifica: moderno. Pero hai cousas polas que un non está disposto a pasar. Non me tatúo, non levo os calzóns ao aire co pantalón caido, non bailo tecktonic, non me gustan os zombis. E isto, quen o ía dicir, é tendencia. Hoxe queda pedante dicilo, pero eu os únicos zombis aos que lle vía capacidade de entreter eran aos autores do disco “Odessey and Oracle”, os que cantaban o “Time of the season”,con cuxo ritmo se meneaba Sonia Monroy nunha breve malla mentres Pepe Navarro daba paso á publicidade cruzando o Misissipi. O que non hei de cruzar eu é o Rubicón da afección polos mortos viventes, os non vivos, os infectados ou como se lle queira chamar a eses humanos que se arrastran perpetuamente sedentos á maneira atrancada na que se despraza a xente polos centros comerciais no primeiro día das rebaixas. “Son unha metáfora da condición humana”, din na procura da coartada intelectual moitos dos defensores destes bechos. “Son puro noxo”, penso eu cando pecho os ollos e miro para outro lado, por exemplo para algo que non sexa La Sexta.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros