Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 25 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

A información como espectáculo

“Antena 3 Noticias 2” (Antena 3, 21 h.)

Sociedade 10/01/2011
  Envía a túa opinión

Primeiro, un resumo da pelexa de galos entre os líderes políticos, con extractos de declaracións que nada din sobre cuestións de interese, e feitas a maior gloria da guerra de partidos; a seguir, algún asunto máis de eido estatal, acotío os amoreamentos de vehículos na estrada M-30 que colapsan o acceso a Madrid ou calquera outra cuestión que compete só á veciñanza da capital; séguelle o bloque de información internacional que resulta totalmente prescindible cando o planeta Terra está lacazán e non se cobra a súa cota de mortos a través de catástrofes naturais, se ben sempre quedará algún atentado terrorista ou matanza indiscriminada para encher como corresponde os minutos dedicados a engordar a visión pesimista sobre o noso futuro; procédese logo ao groso do tempo das noticias, onde os equipos de reporteiros saen á rúa para tratar temas de interese social, como o furor polas clases de danza do ventre, o éxito de vendas da batamanta, ou o fenómeno de masas que representa a última estrea feita pola propia canle que produce o informativo; deseguido vai algo de publicidade; procédese despois coa sección dedicada ao Real Madrid e as vicisitudes dos seus fidalgos portugueses e que se poderá distinguir malia que a agochan baixo o equívoco e xenérico título de deportes; máis publicidade; unha despedida cun sorriso e despois dáselle paso ao tempo. Así veñen sendo os informativos das televisións privadas dun tempo a esta parte, puro entretemento. Pero como non é dabondo, Antena 3 converte nesta xornada o seu plató de noticias na ponte de mando da nave USS Enterprise de Star Trek. 


Malabares contra a reforma das pensións

“21 días viviendo en el circo” (Cuatro, 23:15 h.)

Sociedade 07/01/2011
  Envía a túa opinión

Cando o Goberno promete que o adiamento da idade de xubilación será máis respectuoso con aquelas profesións máis penosas, debera deixarse de vaguidades e ofrecer unha listaxe para que despois fose posible compararnos. É máis penoso un xuíz que un administrativo, un obreiro que un condutor de autobús, un xornalista que un executivo de contas, un alto directivo que un domador de circo? Precisamos coñecer os criterios para sinalar os labores infames, porque aínda que ninguén deberan estar facendo o equilibrista sobre unha estada cando a cadeira apenas o pode manter erguido sobre o chan, tamén hai oficios que, á inversa dos iogures bio, te van estragando por dentro e iso non se nota por fora. Se hai profesións que combinen o risco físico e tamén o estres emocional, están todas no circo, un oficio que pide con redobre de tambor e megáfono o dereito á xubilación anticipada. Debe o domador manterse atlético ata os 70 anos para esquivar as gadoupas das feras; vivir co sobresalto constante de se o vello león vai aguantar coa boca aberta; e cheirarlle o alento ás bestas nas que mete os ollos ata a campá da gorxa?


Show me the money!

“Cabalgata dos Reis Magos” (TVE, 18:30 h.)

Sociedade 05/01/2011
  Envía a túa opinión

Pequenos investidores, atentos. Non están as cousas como para deixarse levar polas preferencias adquiridas de cadaquén. Este ano, cómpre sermos pragmáticos. Hai que localizar dunha vez cal dos tres reis é o que leva o ouro e concentrar toda a nosa atención nese por moito que en anos anteriores fose outro o que atendese a petición dunha bicibletas ou unha Wii. Sobre todo hai que evitar a ese que sempre acaba agasallando xerseis e roupa interior que non pedimos. Porque non están os tempos como para deixarse levar por “menudencias”. As cartas para as Súas Maxestades de Oriente deben ser un fino exercicio persuasivo concentrado naquel de entre os tres barbudos que transporte no lombo do dromedario os lingotes. En plena crise nada queremos saber do monarca new age que se dedica a queimar incenso ou esencias de pachulí para as súas meditacións no deserto, e moito menos do suíñas que ofrece mirra, que, a fin de contas, nunca soubemos o que é. E mira ti que seica é unha resina que, entre outros usos, serve para embalsamar os mortos. Fóra de mi tamén ese presente. Reis Magos, este ano só queremos cash, líquido, ouro, lingotes ou calquera cousa que cotice no parqué bursátil. E como caia un só caramelo sobre as nosas cabezas cando desfiledes polo centro da cidade, prometo guindalos de volta. Agás se son de anís, que a min si me gustan.


Xamaica: ata o infindo e máis aló

“Españoles en el mundo: Jamaica” (TVE, 22:15 horas)

Sociedade 04/01/2011
  Envía a túa opinión

Os que sosteñen que nada bo hai nas leis antitabaco e que a saúde propia e allea maduran mellor mergulladas nunha nube de fume de nicotina deberan financiar unha viaxa dos altos cargos do Ministerio de Sanidade a Xamaica. Alí descubrirían unha illa na que, de entre a brétema intoxicante, saltan gacelas humanas propulsando corazóns que pasan de 0 a 100 quilómetros/hora nun segundo,  teñen un consumo cardíaco altísimo e funcionan cunha precisión que para si quixeran os bólidos cos que Red Bull gañou a Fórmula 1. Claro que, a fin de contas, nin o que se adoita fumar en Xamaica ten nada que ver cos cigarros de L&M Light ou co Ducados, nin tampouco as carrocerías que se desprazan xerando vertixe no ollo alleo gardan semellanza co arquetipo ibérico que chantaba o cóbado na barra do bar para prender o cigarro mentres agardaba polo carajillo das nove e media da mañá. A estela de Usain Bolt en aceleración, non cabe dúbida, sufocaría o lume e as brasas de todos os puros. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros