Foi este que apura os seus últimos días un verán infame para o xornalismo en Galicia e, sobre todo, para o xornalismo na lingua do país. Trala clausura de Vieiros, o peche de Chuza, e a precaria situación económica en A Peneira, o histórico semanario A Nosa Terra xa non sae máis do prelo e fica tan só en versión dixital. Perante esta situación, vénse de publicar un manifesto cidadán que pretende facer entender á audiencia, e tamén á clase política, que “Os medios en galego importan”.
Carlos Núñez ofrecerá mañá sábado o seu primeiro concerto sinfónico en Galicia. O artista actuará acompañado pola Orquestra Sinfónica de Galicia e pola mítica banda de folk irlandesa The Chieftains como convidada especial. A cita, enmarcada na programación do Xacobeo 2010, celebrarase na Praza do Obradoiro a partir das oito e media con entrada libre ata completar o aforo.
Mamed Casanova é O fillo da furia. Este é o título elixido polo guionista sarriao Manolo López Poy e polo ilustrador barallense Miguel Fernández para contarnos a historia do último e máis famoso bandoleiro galego de comezos do século XX. O volume xa está nas librarías, publicado por Demo Editorial. Unha banda deseñada próxima á novela negra, cargada de suspense, que trata de achegar a cara e a cruz deste mítico personaxe.
Os grovenses Nadadora veñen de publicar o seu terceiro LP baixo o título Luz, oscuridad, luz. Un traballo con 11 temas que nos ofrece cortes e temáticas luminosas que alternan con outras máis sombrías, como indica o propio nome do disco. Segundo comentou en Radiofusión o vocalista e guitarrista da banda, Gonzalo Abalo, “hai tamén quen quixo ler no nome do álbum un resumo do que foron estes sete anos de traxectoria da banda”. Abalo asegura que en Luz, oscuridad, luz Nadadora lograron o son que tanto buscaban. Para iso, contaron coa axuda do produtor Fino Oyonarte, que incluíu “guitarras atmosféricas e un pouco ruidosas”, que achegan contundencia e rabia á banda. Esta é a primeira vez que o grupo traballa co ex-Enemigos, aínda que xa coincidiran en concertos coa súa actual banda, Clovis. Abalo asegura que o produtor se implicou moitísimo no traballo, tanto profesional como emocionalmente, considerándose parte da banda.