Publicidade Radio Fene
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 21 de Xullo de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Bela e besta revisitados

“Shrek” (La Sexta, 22:30 h.)

Sociedade 28/12/2010
  Envía a túa opinión

En televisión, todos os días son o dos Santos Inocentes, cos espectadores convertidos en coitadas criaturas ás que facer rabiar tomándolles o pelo. Exemplos hainos de moitas clases, pero case todos teñen que ver cun maior respecto ao audímetro que ao televidente. Son lexión os que camiñan co boneco de papel pendurado nas costas. Están os que deciden ficar na casa esa noite e desprezan outros plans para ver o programa anunciado, só que a media tarde a canle rival decidiu mudar a súa grella e como un dominó empurrado pola contraprogramación van caendo o resto de cadeas, incluíndo aquela na que confiabas. Tamén se fai mofa e befa de quen padece a programadores que se pensan Alejandro González Iñárritu nesas películas súas nas que retorce a liña cronolóxica e converte unha narración convencional nun quebracabezas. Pobres aqueles que agardan ver unha serie coa continuidade e a orde debida e deben aturar varias reposicións e recompilación dos mellores momentos para facerse acredores á emisión do capítulo final. E inocentes son ademais os que confían aínda en que un filme de 90 minutos nunha canle privada pode durar menos de tres horas de emisión malia a publicidade. Recoñecerédelos polo seu aspecto somnámbulo no traballo pola mañá. Pero para santiños, os nenos. 


Amelie marcha á guerra

“Largo domingo de noviazgo” (La 2, 22 h.)

Sociedade 27/12/2010
  Envía a túa opinión

A felicidade é sospeitosa e xera desconfianza. Estamos convencidos de que o estado natural do ser humano en repouso sitúase nalgún punto entre o fastío, o desacougo, e, sobre todo, o cinismo. Pensar mal e acertar, sospeitar do que sorrí, coidar que ten que haber motivo paran estar contento pero que non se precisa xustificación para estar enfadado... Todos eles son comportamentos propios do vademecum da supervivencia humana que todo o festival de bos sentimentos e panxoliñas de Nadal non conseguen amolecer. En última instancia, e isto é terrible, advertir a satisfacción en alguén abonda para catalogalo no caixón dos insensatos e, por suposto, dos estúpidos. A risa é para os pánfilos e alí onde vexamos unha fronte engurrada e unhas comisuras dos beizos apuntando cara os pés, alí entendemos que repousa a intelixencia e un ser humano que paga a pena, porque para iso inventamos o dito de “quen ben te quere farate chorar”. Así que só caben dúas explicacións para alguén que vive entusiasmado: ou consume drogas ou levou un golpe na cabeza e quedou imbécil. Hai quen pensa que a Amelie Poulain lle pasaron as dúas cousas.


Se apuntas os ollos cara o nariz case que o ves en 3D

“Mensaxe de Nadal de Juan Carlos I” (Todas as cadeas, 21 h.)

Sociedade 24/12/2010
  Envía a túa opinión

Xa tiña preparados os lentes que afanei o outro día cando fun ver “Tron” ao cine. Pensei: “Para dez euros que custa a sesión, ben pagado está o souvenir”. Puxen todo como se debe: recoloquei os mobles da sala para ter máis espazo, cambiei as cortinas para poñelas máis tépedas e que non filtre nada de luz, quitei de diante a mesiña e o revisteiro para que non entorpecesen e chantei o novo equipo de son Surround 7.1 polas catro paredes. Co televisor en posición central, agora xa só me restaba descontar as horas para ollar esa bandeira ondear cara min; pasmarme ao ver como dos marcos das fotos asomaba esa caterva de infantes tan louros; arrepiarme ao localizar a faciana resaltada do terror dos nenos do vulgo que protexen as tibias en canto ven os zapatos afiados do duquesiño Froilán de Todos os Santos; botarme cara atrás para evitar o roce do prominente nariz borbónico que xira coa velocidade dun tiro de sable cando toca pasar da cámara unha á cámara dúas; apreciar polo miúdo o detalle dun mobiliario coqueto pero que debe ser do Ikea de  Luis XVI; e, en fin, subxugarme ao recibir en son estéreo panorámico e nun releve visual que excede os límites da pantalla o verbo monárquico que, como cada ano por estas datas, descende sobre os súbditos. Xa tiña todo disposto, insisto, e en boa hora me din que en realidade a Mensaxe de Nadal da Súa Maxestade El Rei non é en 3D, senón en HD. 


Gabilondo déixalle o sitio ao reggaetón

“Hoy” (CNN+, 22 h.)

Sociedade 23/12/2010
  Envía a túa opinión

Existe un secuestro colectivo dos ouvidos da audiencia que lles fai pensar que a radio en España só a fan catro persoas: Luis del Olmo, Carlos Herrera, Federico Jiménez Losantos e Iñaki Gabilondo. Por iso cando este último marchou da Ser e lle legou o temón do transatlántico a Carles Francino, houbo millóns de ouvintes que sentiron algo semellante ao desamparo. Se aceptamos que os xornalistas que levan eses grandes programas matinais son voceiros adxuntos dunha ideoloxía, poida ser que nunca houbera mellor portavoz dunha determinada maneira de pensar que o donostiarra. Cuatro, cadea novata, precisaba capitán para sobrevivir na merenda caníbal que é a guerra das televisións privadas e foi capaz de fiarlle a presentación do seu telexornal a un home coa dentadura sen amañar, o nunca visto no prime-time dunha televisión. Pasou ao principio que a xente vía por un lado a boca de Gabilondo e por outro os ollos nerviosos que asexaban de cámara en cámara onde estaba o piloto vermello cara o que había que apuntar. E de tanto miralo, deixárono de escoitar. Se cadra non estaba feito o balbordo televisivo para o home orfo de micrófono e cascos, porque co tempo comprobamos que o que precisaba realmente era algo de acougo. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros