Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Xoves 18 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Amante bandido, bandido, corazón, corazón prohibido

“Serrallonga” (TVE, 23.30 h.)

Sociedade 16/12/2010
  Envía a túa opinión

Se algo precisa a épica, non é de valentía, fazañas, heroicidades e feitos tecidos coa materia coa que se escribe a gloria: o primeiro e fundamental é o paso do tempo. Con todo, existe un certo revisionismo contra os contos de fadas e as epopeas que aposta por recuperar con verismo documental as lendas de tempos pretéritos e poñelas diante dos nosos ollos tal e como aconteceron e non tal e como os cronistas as idealizaron. Cine e televisión apostan por un realismo afastado de superproducións luminosas como as de Mankiewicz e que se mancha na lameira, salpícase de sangue e cheira a chuvia e morte. A estilización, se persiste, agora é algo porca, e grazas a filmes como “Gladiator” xa pensamos que os romanos non ían sempre con brillos de ouro nas pecheiras á batalla. Malia isto, os heroes que eran crueis e sanguinarios, se venceron, perduraron como xustos e bondadosos. Dá medo pensar o relato que poida chegar aos tempos futuros dalgunha atrocidade actual. Ao mellor resultará que os aliados contra Iraq baixaron en cabalos brancos alados ou que o asasino de Olot era un Robin Hood contemporáneo procurando xustiza contra os crueis empresarios e banqueiros. E por todo isto eu miro con reparos as historias de bandoleiros.


Mocidade sónica

“Mapa Sonoro” (La 2, 23:20 h.)

Sociedade 15/12/2010
  Envía a túa opinión

Hai que asumilo: na sociedade da comunicación, na que todos acabamos conectados con todos, somos antes as nosas circunstancias que nós mesmos. Velaí están as redes sociais para demostralo, exercicios de síntese, cando non caricaturas, nas que nos esforzamos por debuxar un retrato eloxioso da nosa persoa cunha pequena fotografía pixelada e catro datos esencias sobre a nosa idade, residencia e apetencias. Cando precisas elaborar un discurso, as sms ou o twitter limitan a túa imaxinación a 150 caracteres, que en casos de narcisismo ou de gusto polas frases subordinadas apenas abondan para describir unha parte moi pequena de nós, digamos o maimiño. Así as cousas, as persoas presentámonos, xa non en pureza, senón a través do que posuímos ou nos gusta. Antano, cando os raios x aínda non eran de uso común, coñecer a biblioteca dun home era saber o máis íntimo da súa condición. Co paso do tempo, esa función tamén a adquiriu a música pop, primeiro cos casetes recompilatorios, agora xa coas listas de reprodución de mp3. Somos o que escoitamos, dinnos as revistas de tendencias. La 2, sempre por diante, leva tempo aplicada a documentar a modernidade a través dun exercicio de cartografía musical.


A Galega ponse épica

“Mar libre” (TVG, 22 h.)

Sociedade 14/12/2010
  Envía a túa opinión

Galicia encolle, pero o seu audiovisual expándese. Poñer cancelas ao monte é tarefa complexa. Os astrónomos non se deciden acerca dos límites do universo, cuxas beiras poderían ser fixas ou estar a espallarse, un problema que non existe para os contables e tecnócratas que coñecen ben as liñas que non se poden traspasar. Estes últimos son os que din que este ano o Goberno ten que gastar menos que o anterior, e o que vén, menos aínda, e así tomaremos o camiño de Lilliput os que nunca puidemos ser xigantes. O que sempre nos queda para medrar sen límites é o maxín, e hainos que teiman en pensar ao grande. A Televisión de Galicia, coincidindo co recorte de delegacións informativas, aposta por unha nova produción que contradí o que viña sendo o modelo habitual das series de ficción autonómicas. De reconcentrarse nas historias miúdas e íntimas da aldea, pásase agora aos dramas épicos máis grandes que a vida. Loita de espadas e torsos espidos non é propio de Portozás ou Louredo, pero si dunha Illa de Sálvora tomada pola loita de clases hai tres séculos. 


007 contra o imperio da información interesada

“El mañana nunca muere” (La Sexta, 22.15 h.)

Sociedade 13/12/2010
  Envía a túa opinión

Xente con máscaras de Guy Fawkes como as do heroe anarquista de “V de Vendetta”, a banda deseñada de Alan Moore, tomou as rúas esta pasada fin de semana para solicitar a posta en liberdade do director de Wikileaks, esa organización cuxo traballo consiste en levantar alfombras para airear toda a varredura que outros agochan debaixo dos fermosos tapices. Que a xente común, tranquilamente instalada nas comodidades democráticas, tome como símbolo a aquel mártir católico que quixo voar polos aires o Parlamento británico para denunciar os abusos do poder, demostra certo grao de carraxe e fastío que comeza a amorearse. A vaga de apoio a un personaxe con sombras como Julian Assange tamén confirma que o cidadán respecta o exercicio da prensa como unha actividade sospeitosa e vixiante do poder. A maioría aceptamos a liña editorial dos xornais como unha indicación necesaria das súas filiacións ideolóxicas, pero aínda se nos revira o aceno cando ese compromiso implica a falla de cuestionamento das propias ideas e, sobre todo o sometemento, ao poder empresarial. O mellor de todas as fusións televisivas recentes é que desaparecerán os milleiros de páxinas interesadas sobre as guerras de medios, o peor, que a verdadeira orixe do diñeiro que goberna as cadeas ficará aínda máis disimulado. A prensa disque é o cuarto poder, e como todo poder tende á corrupción: por iso mesmo James Bond o ten que combater.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros