Publicidade Radio Fene
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 21 de Xullo de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Se por dentro ten chocolate, aínda presta máis

“Premios Nobel” (La 2 Noticias, 20 h.)

Sociedade 10/12/2010
  Envía a túa opinión

Foi a nai dun amigo quen fixo o prognóstico cando eu era aínda un lampantín: “Ti vas gañar o Nobel”. É o que ten un expediente inmaculado na EXB e unha decente traxectoria no bacharelato. Xa estaba mercando o chapeu de peles para aturar o frío de Estocolmo cando se me ocorreu cursar estudos de xornalismo, aos que, grazas á (presunta) alfabetización universal, as oficinas de emprego non lle atopan utilidade ningunha. Nalgún momento da miña traxectoria algo revirouse e agora mesmo non sei cara onde sinala a frecha que me debe procurar a medalla e o diploma. Estou ás portas dun descubrimento patafísico que mudará a concepción da vida, hei atopar a fórmula económica de Robin Hood que permita a supervivencia do capitalismo quitándolle cartos aos ricos para entregarllos aos pobres, ou lograrei se cadra mediar entre a Esteban e a Campanario, mérito dende logo maior que o adquirido por Obama para facerme acredor ao Nobel da Paz? Se se trata de practicar a literatura, abondará unha recompilación de comentarios da televisión para poñerme ao nivel dos merecementos do liberal que máis páxinas ten merecido na prensa de esquerdas, Mario Vargas Llosa?


Señora de nadie

“Cuéntame” (TVE, 22:15 h.)

Sociedade 09/12/2010
  Envía a túa opinión

Desconto as horas para que algunha canle privada estree a versión española de “Walking Dead”, o último fenómeno sobre zombis, adaptada as nosas especiais circunstancias. En “Aeroporto de Sangue”, con Brad Pitt de estrela convidada para interpretar ao apolíneo voceiro dos controladores aéreos, César Cabo, milleiros de pasaxeiros atrofiados polas horas de espera na terminal e sedentos de hemoglobina allea polo efecto do virus da folga salvaxe, perseguen polos corredores e as cintas de transportas maletas ao integrantes do gremio que, segundo rezará o slogan, “gañan 300.000 euros ao ano, pero non é dabondo para pagar por salvar a súa vida”. Logo de divagar desta maneira para expresar a miña frustración post-vacacional, pregúntome que faría un Antonio Alcántara, político no tardofranquismo, para someter un secuestro dese calibre multitudinario. Intúo que naquela época, a militarización dun colectivo laboral non suporía os debates legais de agora, e a Milans del Bosch faltaríalle tempo para, agora si, sacar os tanques á rúa coa conivencia de todos. Eran outros tempos políticos os que conta “Cuéntame” nesta nova tempada.


Corruptor dunha xeración

“REC: Enganchados al videojuego” (Cuatro, 00:30 h.)

Sociedade 03/12/2010
  Envía a túa opinión

Que se pode dicir? Algúns comezamos nisto con Super Mario, un inmigrante italiano que comía hongos e logo semellaba ter poderes, e despois seguimos co Comecocos, que apañaba unha pastilla tras outra nunha escuridade iluminada só por luces de neón, anticipando o que sería a ruta do bakalao polos polígonos do Levante español. Para canda levábamos amoreadas un montón de liñas, que desaparecían a velocidade de vertixe, xa víamos ata a cosacos bailar polcas no “Tetris”. Acórdame de comprar a biblia dos 8 bits, “Micromanía”, e ver que unha das categorías principais para valorar os novos lanzamentos era “adicción”: canto máis costase esquecerse do xogo, mellor. Así que, coa cinta negra sobre os ollos mediante, para protexer a nosa identidade, temos que acabar claudicando ante a presión do sensacionalismo e recoñecelo: somos toxicómanos dixitais. Castigadas xa as  nosas retinas e tamén os dedos escachapiollos de tanto mover o joystick, provoca entre tenrura e pavor ver como os traficantes de ocio enganan aos avós á porta dos asilos e aos pais á porta das oficinas ofrecéndolles remedios máxicos para estimular os miolos ou facer aerobic de xeito interactivo diante do televisor. Quen vai salvar aos nosos maiores desta lacra social?


A vida é soño e tamén sono

“Falámolo” (TVG, 1:45 h.)

Sociedade 02/12/2010
  Envía a túa opinión

Se o espírito maligno de “Polstergeit” nos chamase dende o televisor, habíao ter claro. Aos seus reclamos de ultratumba respondería ese bruído colectivo que millóns de persoas producen ao ficar durmidas diante da pantalla polas noites. Cada minuto que a programación engadiu á súa grella nos últimos anos, foi un minuto furtado ao noso repouso. Antano existía un símbolo de reprobación e que podía avergoñar ao que ficaba pasmando ante o monitor: a carta de axuste. Agora que existe programación as 24 horas do día sempre existe a coartada de dicir que estamos intrigados por saber a resposta ao enigma “De que cor é o cabalo branco de Santiago e que comeza por be e remata por o?” que os programas de timo telefónico formulan unha e mil veces durante varias horas seguidas sen que ninguén atine a solución: normal, os que chaman tamén están durmidos. A min non hai quen me quite da cabeza que as unidades de sono dos hospitais, nas que investigan os trastornos do repouso, funcionan a base de pantallas con infocomercias que provocan o inmediato vencemento das pálpebras dos pacientes. Chegará o día en que aos meniños, enriba do berce, en troques do carrusel que os hipnotiza se pendure un plasma. Os pequenos, para acougo dos seus pais, irán de paseo con Morfeo cando realicen os primeiros zapeos e descubran as marabillas da anestesia catódica. A Bela Durminte, hoxe o sabemos, estaba abonada a unha plataforma dixital e non daba abasto con tantos canais. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros