Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Sábado 23 de Xuño de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Xardín de infancia profesional

“Comando Actualidad: Mi niño vale” (TVE, 22:15 h.)

Sociedade 10/11/2010
  Envía a túa opinión

As tres idades do ser humano veñen acompañadas por cadansúa etapa de estupidez transitoria. Na mocidade chamámoslle idade do pavo, na senectude consiste en ser un vello rabudo. Ambas caracterízanse por levar ao exceso a actitude de sabichón, pensar que todo o sabes cando, en realidade, es dependente dos demais. A primeira cúrase co tempo, a segunda púrgase baixo terra. Non é seguro que haxa remedio infalible contra o aparvamento da idade madura e que chega coa paternidade. Fronte ás ínfulas ditatoriais de adolescentes e anciáns, homes e mulleres feitos e dereitos de cote non son capaces de remediar a vasalaxe que profesan cara os seus fillos, becerros de ouro aos que, máis que querer, se someten. Capaces de monopolizar conversas referindo a moi particular maneira de expulsar gases que ten o seu meniño, ou glosando coa épica dun romance antigo o momento no que comezou a camiñar -tal parecera que é unha habilidade descoñecida para a especie-, converten o natural entusiasmo en devoción enfermiza e tentan en todo momento facer proselitismo do seu culto. Hai quen quixera estender a influencia da súa criatura sobre o resto do mundo e chega entón o momento de poñelos a traballar para que os pequenos mimados acaden a dominación mundial a través do deporte ou do folclore.


Viva Las Vegas!

“Españoles en el mundo: Las Vegas” (TVE, 22:15 h.)

Sociedade 09/11/2010
  Envía a túa opinión

Cada civilización triunfante ten a súa capital, a cidade erixida como síntese de todos os seus logros e que, cando chegue o tempo da decadencia, permanecerá como testemuña dos días de gloria. Alexandro Magno deixou Alexandría; o mundo islámico aínda segue peregrinando á Meca, a máis digna das cidades; e os sucesivos imperios romanos continúan tendo algo do que presumir grazas ás pedras que se sosteñen en Roma. Cando os chineses consumen o cambio de orde tanto tempo anunciado e a primacía planetaria pase do goberno de Washington ao de Pequín, os norteamericanos comezarán a traballar no mantemento da súa curta pero fértil historia preservando, por enriba de todas as cousas, a cidade que mellor define o seu papel na historia humana. E non será Nova York. Para asegurarse a conservación dun bo monumento que atraía aos nostálxicos do século XX precisarán moreas de lámpadas de recambio co obxecto de que Las Vegas continúe a emitir a súa luz contaminante no medio do deserto de Nevada. 


O sadomasoquismo como unha das belas artes

“El Hormiguero: Jackass 3D” (Cuatro, 21:30 h.)

Sociedade 08/11/2010
  Envía a túa opinión

Por moito que se nos queira pintar como píos e bondadosos -e mira que nesta fin de semana en olor de santidade abundaron os que sosteñen que a nosa é unha especie que mexa pis bendito, capaz do fanatismo, si, pero con boa intención-, sobran exemplos de que, antes que nada, somos salvaxes instruídos en escrúpulos necesarios para a vida en sociedade. Entre os comportamentos que as relixións sinalan como pecados figuran pulsións esenciais, como a sexual ou a alimenticia. Coa moderación debida, nada que nos tivese que preocupar. Maior control deberan requirir os instintos sadomasoquistas, que os temos, sen que iso signifique que mañá comecemos a arrastrarnos polo chan con máscaras de coiro ao ritmo de lategazos no pandeiro. Dalgún lugar na memoria humana esquecido no tempo debe proceder esa fascinación atávica pola dor, o sangue e, por enriba de todas as cousas, as trompadas. Porque o mal alleo ou a violencia poden resultar desagradables, pero ver a alguén esborrexer e partir as costas logo de pisar unha pel de plátano desata unha reacción neuroquímica que acaba en esmendrelle. Sabíano Buster Keaton e Charles Chaplin e todos os que perseveraron en coreografar accidentes, un xénero que os americanos, autores dos dicionarios de cine, chamaron “slapstick”. 


Se o Mundial non leva o número un, entón é que se confundiron de país

“El Ranking de la Década” (La Sexta, 21:30 h.)

Sociedade 05/11/2010
  Envía a túa opinión

A quen queres máis, a mamá ou a papá? De que queres traballar cando sexas maior? Cal é a túa comida favorita? De que equipo de fútbol es? Que tipo de mulleres che gustan? Que tres cousas levarías a unha illa deserta? Cales son os nomes que escollestes para o bebé? En que madeira queres o cadaleito, pino ou bidueiro? Aí está. Dende que nacemos até que pasamos ao outro barrio, gastamos o tempo facendo clasificacións. Hogano trátase dunha necesidade para ordenar a grande cantidade de información que temos ao noso alcance. En cuestións de consumo, tanto material como cultural, non hai tempo para probalo todo e precisamos listaxes que discriminen de maneira sinxela entre o prioritario e o accesorio, entre o que paga a pena e a borralla. O traballo dos críticos é cada vez menos apreciado: case non hai tempo para coñecer as emocións que un produto produce nunha persoa particular e a que artificios poéticos pode acudir para evocalas; agora pídeselles que puntúen rapidamente do 1 ao 10, que poñan estrelas ou, antes que nada, que fagan un ranking de preferencias.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros