Publicidade Radiofusion
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Venres 27 de Abril de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Morgue D´Or, cidade de vacacións

“Cómo hemos cambiado: la muerte” (TVE, 00:10 h.)

Sociedade 28/10/2010
  Envía a túa opinión

Jesús Hermida amargou unha vez aos seus espectadores cando ao inicio do espazo ofreceulles unha certeza estatística: un milleiro de persoas morrería mentres se emitía o seu show. Motivo dabondo para cambiar de canle e agasallalo cun índice de audiencia que, en vinganza, aniquilase a vida do seu programa. Do máis parvo ao máis listo, hai cousas que todos sabemos, e por moito que os laboratorios  cosméticos de L'Oreal e Vichy nos vendan a ilusión do contrario, compartimos a certeza de que o noso futuro non pasa por seguir respirando. Este comentario é máis breve que os circunloquios de Hermida, pero aposto a que dá tamén para un bo feixe de defuncións. Gustaríame pensar que sería un final gozoso deixarse ir coas miñas palabras, algo así como unha estremaunción civil, pero o de falecer non é cousa de gusto e a filosofía coa que se afronta segundo o país é moi diferente. A representar a idea da morte en España aplícase o programa “Cómo hemos cambiado”, unha mestura de imaxes de arquivo que pretende retratar a evolución dos usos ao respecto e ten a difícil tarefa de facelo arredor do único que permanece inmutable: a parca. 


Campechanos

“Felipe y Letizia” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 27/10/2010
  Envía a túa opinión

Sabíano xa os reis medievais: o contacto co vulgo desgasta. Para quen se erixe en poder supremo por graza divina e dereito de sangue cómpre sempre manter as distancias para manter o misterio sobre a maxestade e facela inaccesible á crítica. Manifestarse ante os vasalos débese facer só para reprender e devolvelos ao rego e, en contadas ocasións, para amosar condescendencia e crear o idilio de que gobernante e gobernados son tal para cal. A Casa Real española non pode facer o primeiro, por esas restricións que impón o sistema político parlamentario e porque dende que á corte francesa a pasaran pola guillotina máis vale pecar de exceso que de defecto. En canto ao segundo, ninguén perfeccionou esa fantasía de que rei e súbditos son iguais agás por uns pequenos privilexios - “pataca miúda” que diría Caneda- como Juan Carlos I. A ese talento déuselle en chamar campechanía, un trato afable, privado de toda pompa e circunstancia que asimila ao monarca ao conxunto da cidadanía. Vai ao fútbol, aínda que sexa á tribuna presidencial para ver o trofeo de Copa que leva o seu nome, e ten sentido do humor, aínda que non se lle recordan chistes verdes. Porén, Telecinco pode ser clausurada mañá mesmo por aniquilar esa construción popular tantos anos traballada: o campechanismo, pasado pola peneira das tv-movies, parece mala comedia. 


O amor nos tempos do lupus

“House” (Cuatro, 22:35 h.)

Sociedade 26/10/2010
  Envía a túa opinión

Chámanlle a era dourada da ficción televisiva a esta época na que abundan guionistas talentosos, produtores arriscados e audiencias ávidas de bo entretemento. Entre os seus méritos figura a superación da estrutura episódica entendida como unha sucesión de compartimentos estancos sen relación entre si. Angela Lansbury resolvía crimes e o Equipo A salvaba a xente en situación de perigo sen que polo medio as súas vidas cambiasen un ápice. McGyver construía helicópteros con goma de mascar e aramio e Michael Knight reventaba todos os radares ao volante de Kitt e ao día seguinte nada do que fixeran tiña importancia, como se ao apagar o televisor premésemos un botón de reset e cada día a serie comezase de novo. Sabíamos de onde viñamos e tamén sabiamos que aquilo non ía a ningunha parte. Agás telecomedias clásicas que xiran e xiran sobre si mesmas, repetindo estruturas tan milimetradas que non se toca nada, non sexa que se vaia estragar, hoxe non se permiten series estáticas. Superman e Lois Lane poden ter a mesma idade dende os tebeos de hai medio século e ela segue sendo tan chosca que non ve ao superheroe detrás dos lentes de Clark Kent, pero iso na televisión actual non se sostén e por iso o carácter inasequible á emoción do doutor Gregory House foi amolecendo durante seis tempadas e o cínico supremo afronta unha nova xeira de episodios co peor dos virus que se lle podía inocular e o maior reto para uns guionistas con gañas de enredar: namorouse. 


Erotismo e resistencia hispánica en tempos de Roma

“Hispania” (Antena 3, 22.15 h.)

Sociedade 25/10/2010
  Envía a túa opinión

Os romanos sabían o que se facían. Visitei onte os restos dun campamento militar baixo mandato dos herdeiros de Rómulo e Remo á beira dun encoro na Baixa Limia e alí, cos termómetros á baixa malia o sol de outono, o abrigo non era preciso para remollarse gozoso nas pozas quentes que manaban da terra e que o centurión correspondente modelou en forma de piscinas individuais para amolecer as carnes, coidar a pel e así saír lustrosos como logo os recollerán os filmes de séculos ulteriores. Eran brutos, porque esa é a primeira encomenda dunha organización esencialmente guerreira e invasora, pero tamén civilizados. Porén, como a todos os que pisan terras que non son súas, se lles quixo mandar de volta ao seu lugar no Mediterráneo, inaugurándose unha historia de orgullo patrio baseado na resistencia á modernidade que chega até a resistencia ás tropas francesas e ten o seu punto álxido nunha poboación berrando “Ás cadeas, ás cadeas!”, reclamando o seu sometemento como vasalos a un rei absolutista. Que Napoleón se cadra tampouco sería o mellor garante dos dereitos civís, pero o progreso estaba da súa parte. Porén, eses accesos de rebeldía, fosen ou non sensatos, glorifícanse agora como o xermolo patrioteiro para os que presumen de bandeiras enchoupadas en sangue. Antena 3 contribúe a esas  epopeas coa serie “Hispania”.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros