Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Luns 22 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

Alexandre ou a nada, na noite dos venres

“Incautos” (La 2, 22.15 h.)

Sociedade 15/10/2010
  Envía a túa opinión

Aquí, polo que parece, o único que non ten descodificador son eu que manteño unha resistencia numantina fronte ao apagamento analóxico. Hai tempo xa que o VHF e o UHF desapareceron das nosas vidas, abríndonos os ollos a un horizonte case infindo, con ducias de canles de televisión nas que unha e outra vez  pasan series repetidas de hai dez anos e faladoiros eternos de señores de traxe e brillantina soltando barbaridades pola boca nun intento de fomentar a emigración ao estranxeiro entre a sociedade máis nova, se cadra non tan afeita como como os seus pais e avós aos discursos de tufo franquista. En que momento a extrema dereita se fixo coa maioría das licenzas de emisión na TDT é algo que un día merecería unha explicación por parte dos responsables desas adxudicacións. Mentres, aínda me costa referir as novidades nesta nova grella dixital onde a conta das canles, a 7, a 10, debe ir xa polo número pi. Claro que no limitado universo das televisións públicas e das privadas da época analóxica hai días nos que prestaría facer folga de mandos caidos.


Comer e rañar, todo é comezar

“Un país para comérselo” (TVE, 23.30 h.)

Sociedade 14/10/2010
  Envía a túa opinión

O campión do mundo de motos baixou da súa montura, contivo a súa euforia, dirixiuse á cámara e falando con voz pausada, impostando a solemnidade dun vello malia que aínda parece un pequeno lampantín, declarou: “Dende aquí quero dicirlle á xente que nesta vida todos temos talento para algunha cousa, só hai que descubrir cal é e perseverar”. Despois deu a volta e bañouse en champaña. Aconteceu a pasada semana nun circuíto de velocidade dun país asiático, pero aínda agora me dá voltas na cabeza o aserto filosófico do piloto. Detectar o talento propio e explotalo, obtendo o éxito con el, debe procurar satisfacción como case ningunha outra cousa. Porén, hogano promóvese, antes que a especialización, a síndrome da navalla suíza: enténdese que somos multitalentosos por natureza, que o éxito nunha materia é trasladable a outra. Así nace o pluriemprego para os privilexiados, e así se reduce tamén a oferta laboral para os demais. Penso nos profesores universitarios con lucrativas profesións privadas que non abandonan na mesma medida que deixan sen docencia tantas horas de curso; penso tamén nos deportistas comentaristas, aos que o éxito na súa carreira lles confire un argumento de autoridade á hora de narrar malia que non se saiban expresar ou nin sequera entendan ben o xogo no que triunfaron. Penso tamén en Imanol Arias e Juan Echanove, actores eles, e se cadra usurpadores dunha praza en Televisión Española que moitos, eu mesmo, quererían, xa que tampouco se require un talento excepcional. Porque a percorrer España de enchedelas eu tamén me apunto.


Entrevistas post-mortem

“Más allá de la vida” (Telecinco, 00.15 h.)

Sociedade 13/10/2010
  Envía a túa opinión

Como se encarga de demostrar a atención dos medios co caso do rescate dos mineiros, estar baixo terra non é obstáculo para facer televisión. Sábeo Telecinco, cadea de televisión sempre disposta a chegar a onde outras non chegaron. Non é que pretende ir máis alá, senón que quere ir ao máis alá, que parece o mesmo pero non o é. Ao mirar a grella deste día, un pensa que o máis psicotrónico do que pode falar é do final eternamente prorrogado do delirio de escolas privadas, experimentos nazis e nenos rubios que dan medo chamado “El Internado”, pero abonda desviar un pouco a ollada á columna da dereita e admirarse pola teima da canle amiga en ir aló a onde ningún home, muller, o bo gusto e o sentido común chegaron endexamais. Operando con lóxica pura, os mineiros que saíron á superficie valen menos, televisivamente falando, hoxe que onte. Antano eran homes nunha situación excepcional e ás portas da traxedia, hogano son traballadores que sobreviviron a un accidente laboral, unhas circunstancias máis comúns que as anteriores. En termos de morbo e, xa que logo, de audiencia, as súas palabras cotizaban máis baixo terra. Continuando con ese fío de pensamento, cavilan en Telecinco que facer falar a un morto é máis extraordinario que facer falar a un vivo. E así chegamos a “Más allá de la vida”. 


A parada dos monstros sabichóns

“Ciudad K” (La 2, 21:30 h.)

Sociedade 11/10/2010
  Envía a túa opinión

Aos 18 anos, o pragmatismo non é un don do que gocemos moitos. Posuíao un compañeiro meu de instituto que, ao pouco de nos licenciar, preguntou que carreira pensaba estudar e ao confesarlle as miñas dúbidas entre varias disciplinas relacionadas coas humanidades, acusoume de pensar en cousas que para nada serven. “As enxeñarías, facer unha ponte, iso si vale para algo”, retrucou. Aquelas palabras pesan aínda como un funesto agoiro sobre min, sobre as listas do INEM e sobre o modelo produtivo español. Un escoita as palabras “man de obra” e síntese un intruso entre a clase traballadora, sospeita da tanxibilidade do seu oficio. Moi afastada fica hogano a admiración polo xentilhome, polo enciclopedista que sabía máis do ser humano e da poesía que do resto das cousas, pois sentía que esas eran as verdadeiramente importantes. De cote penso que iso que chaman cultura, e que groseiramente é unha acumulación de saberes relacionados coas persoas e a súa pegada histórica no planeta, con razón se agocha vergoñenta perante o pragmatismo capitalista. Entre a apocalipse e a integración que refería Eco asómase a erudición, condición petulante e estímulo para a risa allea nesta época cínica. Non obstante, hoxe xa sabemos cal é lugar da cultura, sobre todo da máis alta: o humor. 

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros