Publicidade Radiofusión
Praza do Concello s/n 15500 Fene (A Coruña) Galiza Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772
Fai de Radiofusión a túa páxina de inicioRSS   BOLETÍN   CONTACTO
http://www.wikio.es
Envíar a Chuza

Radiofusión: A programación das Radios Municipais Galegas

Hoxe é Venres 19 de Xaneiro de 2018

Programas > Televisión

Información do programa Novas do programa

As toupas como modelo de vida

“REC: Futuro negro como carbón” (Cuatro, 1:00 h.)

Sociedade 08/10/2010
  Envía a túa opinión

Se non existe xa a cita célebre pronunciada por algún maxestoso nome para a Historia, resérvenme a min un oco nos dicionarios de fraseoloxía e nesa portada de El Mundo que Pedro J. ilumina cada día cun pensamento: o costume e a rutina son os mellores refuxios da estupidez. O número de prácticas que realizamos mecanicamente porque a usanza nos empuxa abondaría para desacreditar o posto de privilexio que a especie humana se arroga na pirámide evolutiva. A maior diferencia entre os lemmings, esa familia de roedores adicta ao suicidio en masa, e as persoas? Se cadra que usamos afeites e aínda conservamos -de cote non o parece- un esencial respecto pola supervivencia. Cadaquén crea as súas propias necesidades particulares, igualmente ridículas, pero que se poden camuflar: chamámoslles supersticións. Persignarse, entrar co pe dereito no campo ou baixar co esquerdo da cama. Cando realizamos un absurdo en conxunto como sociedade, iso non hai quen o disimule: fracasamos como comunidade intelixente. Aprendéusenos que da revolución industrial proceden todos os nosos dons, o traballo, a riqueza, a contaminación, etc. Tamén a tecnoloxía. Porén esta non foi quen de evitar que o home teña que replicar ás toupas para procurar combustible para todos os seus trebellos inertes. O resultado é que miles de traballadores seguen vivindo baixo terra e aínda pensamos que é un traballo que alguén ten que facer.


Trending topics

“La Princesa del Pueblo” (Telecinco, 22 h.)

Sociedade 07/10/2010
  Envía a túa opinión

Nas últimas horas aprendín cousas das redes sociais de internet que descoñecía. Agora sei o que é un trending topic, outro barbarismo máis que nos achega irremediablemente ao momento no que pronunciaremos, como un vulgar Luís Alfredo no capítulo 241 da novela, o noso bautismo en galenglish: “Vacuméame a carpeta, meu darling”. O neoloxismo refírese ao tema do momento do que non deixa de falar a xente nas webs. Haiche uns robots estatísticos peneirando a todas horas cales son as palabras que máis se repiten nas mensaxes dos usuarios no Twitter, no Facebook ou en calquera outro faladoiro universal, e de aí tiran calen son os asuntos que máis interesan á sociedade. A prensa arrogouse sempre o poder de definir a axenda do interese popular, mais agora, e conmemorando o 70 aniversario do nacemento de John Lennon, estílase máis a ilusión do “Power to the people, right on!”. Tentando evitar calquera outra palabra en inglés, no que estou a cavilar é se, tal e como se nos quere facer ver, a permeabilidade entre o que acontece na rede e o que non (un xa non sabe se chamalo o mundo real), é absoluta. Porque de ser así, en todos os territorios sometidos ao Pazo da Zarzuela non che hai outro trending topic (aí vai outra vez) que poida competir con Belén Esteban.


O diñeiro por castigo

“Mujeres Ricas” (La Sexta, 22:15 h.)

Sociedade 06/10/2010
  Envía a túa opinión

O único que separa a Cañita Brava de gravar un disco producido por Timbaland son os cartos, non o talento musical. Matino nesa circunstancia inefable co gallo do retorno á grella de La Sexta do documental “Mujeres Ricas”, cuxas protagonistas, señoras podres de cartos que se conducen pola vida da maneira máis estrafalaria posible, resultan tan freaks como o cantautor do barrio coruñés dos Castros. Porén onde nun caso a televisión busca a exhibición do fenómeno para que haxa un esmendrelle condescendente, no outro as risas son máis quedas, un jiji con certo respecto. Esa moderación vén dada polo diñeiro que, mentres que a historia da humanidade non demostre o contrario, é a mellor ferramenta para someter vontades alleas e convencernos de que un idiota pode merecer admiración. Vexan a Gerardo Díaz-Ferrán oufanarse aínda á fronte da patronal española. A cadea de televisión alcumou como “mujer-riquismo” o fenómeno que representan as mulleres que deixan gravar as súas vidas, cheas de caprichos e frivolidades envexables, que se permiten escenificar diante da cámara con certo aire ridículo polo abundante da súa billeteira. O certo é que a esa maneira de ser tamén lle poderiamos chamar estupidez, pero o diñeiro tamén e bo para procurar eufemismos.


De Aranoa: o pelazo e a conciencia social

“Buenafuente: Fernando León de Aranoa” (La Sexta, 00 h.)

Sociedade 05/10/2010
  Envía a túa opinión

Andreu Buenafuente chorou porque Fernando Alonso escolleu visitar o programa de Pablo Motos en troques do late-night de La Sexta. Pensaba o tamén accionista da cadea que os dereitos de retransmisión obrigan, e que tendo ao piloto de bólidos case cada domingo na grella, para unha vez que deixa de mirar polo retrovisor e relaxa a constante tensión da súa prominente queixada, o seu era quedar no dial que lle dá acubillo. Os produtores destes shows humorísticos teñen que andar a trompadas na procura de exclusivas mentres os managers das celebridades escollen cal é o mellor foro para facer un lifting de imaxe pública do seu protexido pois aturar experimentos tolos ou humor cruel sobre un mesmo é a mellor maneira de demostrar a mortalidade e presentarse como un igual perante a audiencia que adora aos famosos como na antigüidade se adoraban aos semideuses. Ter ao esquivo Alonso nun plató é marcarse un tanto, pero Buenafuente pode contentarse con que o visite esta noite outro personaxe que tampouco se prodiga: Fernando León de Aranoa. O que está por ver é que con el nos poidamos rir.

1 -2 -3 -4 -5 -6 -7 -8 -9 -10 -11 -12 -13 -14 -15 -16 -17 -18 -19 -20 -21 -22 -23 -24 -25 -26 -27 -28 -29 -30 -31 -32 -33 -34 -35 -36 -37 -38 -39 -40 -41 -42 -43 -44 -45 -46 -47 -48 -49 -50 -51 -52 -53 -54 -55 -56 -57 -58 -59 -60 -61 -62 -63 -64 -65 -66 -67 -68 -69 -70 -71 -72 -73 -74 -75 -76 -77 -78 -79 -80 -81 -82 -83 -84 -85 -86 -87 -88 -89 -90 -91 -92 -93 -94 -95 -96 -97 -98 -99 -100 -101 -102 -103 -104 -105 -106 -107 -108 -109 -110 -111 -112 -113 -114 -115 -116 -117 -118 -119 -120 -121 -122 -123 -124 -125 -126 -127 -128 -129 -130 -131 -132 -133 -134 -135 -136 -137 -138 -139 -140 -141 -142 -143 -144 -145 -146 -147 -148 -149 -150 -151 -152 -153 -154 -155 -156 -157 -158 -159 -160 -161 -162 -163 -164 -165 -166 -167 -168 -169 -170 -171 -172 -173 -174 -175 -176 -177 -178 -179 -180 -181 -182 -
Praza do Concello s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galiza - Tfno. 981 492 773 - Fax 981 492 772 Nota Legal
Actualidade Novas Axenda Podcast
Participa Fai Novas Enquisas Foros