¡Mira quién baila! (TVE, 22.15 h,)

¡Mira quién baila! (TVE, 22.15 h,)

16 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Horas acumuladas de espera no perruqueiro, cando tiña máis pelo que cortar, e a afección dos meus pais a visitar o quiosco, de onde veñen dende que teño uso de razón puntualmente o xornal e unhas cantas revistas todas as semanas (e será por iso que nalgún momento trastornei e acabei por estudar unha carreira que che da licenza para esbardallar letras nun papel), fixéronme lector de prensa rosa mo

Se o “Hola” molaba era polo clasismo indisimulado: ver as reportaxes das mansións dos deseñadores italianos e os desfiles de París, e soñar cun mundo imposible de luxo e sofisticación. Dende que as familias reais deixaron paso ao ‘famoseo’, ata os pazos suntuosos semellan feitos de “pladur” e non de mármore. No programa que presenta Anne Igartiburu, acontece algo similar: un quixera imaxinar a Fred Astaire e Ginger Rogers, pero ve a Terelu Campus e Ana Obregón embutidas como chourizos en microvestidos cargados de ‘strass’, e a Ortega Cano e Manuel Bandera con camisas de ‘guatiné’ abertas ata o embigo, e xa non pensa en baile de salón, senón nunha discoteca “desguace”, refuxio do lumpen. Pero á xente fascínalle ver aos ídolos do defunto “Tomate” en calquera circunstancia e o ‘show’ das celebridades bailarinas celebra xa a súa sétima gran final. Eu coido que a caspa da pista de baile non se disimula nin co Photoshop que lle aplican á Preysler na portada de “¡Hola!”, pero a mestura de morbo cotilla e humor non pretendido parece irresistible para a audiencia. “¡Mira quién baila!” pásase ás dez e cuarto en Televisión Española.

Sociedade