¿Que é o autismo?

¿Que é o autismo?

07 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, coa colaboura do centro ASPANAES, ven de desenvolver dúas xornadas deportivas dirixidas a fomentar as relacións e a convivencia entre nenos con autismo e estudantes de Educación Infantil e Primaria dos colexios de Monte Caxado e Santa María. Intentouse trasladar a nenos e nenas as características e as peculiaridades dos pequenos autistas

As xornadas serviron para conmemorar o Día Internacional do Autismo. Arrincaban a  pasada semana cunha sesión na que tomaban parte os rapaces e rapazas maiores de idade e residentes en ASPANAES e unha trintena de alumnos e alumnas do colexio Santa María.

Deportes coma o baloncesto, o fútbol, os bolos ou o hockey formaron parte dunha xornada lúdico deportiva na que estudantes de ámbolos dous centros compartiron equipo para desfrutar dunha clase totalmente diferente e atípica na que os libros se cambiaron polos xogos, as bromas e a diversión co fin de fomentar a convivencia entre eles.

Xa onte eran algo máis de 40 alumnos e alumnas do colexio Monte Caxado os que abrían as portas do seu centro para recibir aos menores que asisten diariamente a diferentes clases en ASPANAES e que acudiron a esta cita xunto cos seus mestres e monitores.

Pequenos e pequenas dos dous centros puideron visionar dous contos – Hermanito de la Luna e Mi amigo Lucas - nos que se explicou de forma sinxela o que é o autismo e que se completou con diferentes leccións impartidas nas clases ao longo da semana e coas propias explicacións das mestras de ASPANAES.

Asemade, non faltaron as preguntas dos rapaces e rapazas que se interesaron polas actividades que diariamente se realizan no centro de ASPANAES e de cómo é a vida dos pequenos con autismo, non tan diferente á deles mesmos xa que os propios alumnos de ASPANAES deron conta do que lles gusta facer cada día, coma debuxar, xogar ou realizar algunha manualidade.

Tras compartir experiencias, todos estes rapaces e os seus mestres tomaron parte nunha segunda sesión deportiva na que, ademáis dos deportes xa realizados na primera destas sesións, coma o baloncesto ou o fútbol,, tamén se realizou un circuito con diferentes obstáculos que os alumnos dos dous centros superaron con moi boa nota.

A técnica deportiva municipal Ana Alonso foi a responsable de idear estas actividades que lograron un gran éxito entre os pequenos e pequenas dos tres centros que tomaron parte nestas primeiras xornadas de convivencia.

Como mellor premio a tanto esforzo e a tanta implicación deportiva nada mellor que un agasallo en forma de camiseta e de medalla conmemorativa da xornada para dar mostra de que todos e todas foron e son uns auténticos campións do respeto e do compañeirismo e, sobre todo, da comprensión e da asimilación de que as diferenzas entre uns e outros non son tan marcadas como se pode apreciar dende fóra.

De feito, neste senso se expresaba o edil de Servizos Sociais, José Alén, que tamén participou nesta xornadas e que deu conta da evolución das mesmas, e sobre todo dos efectos positivos deste tipo de iniciativas tanto na poboación escolar de Primaria coma nos alumnos e alumnas de ASPANAES.

José Alén subliñou a importancia de continuar fomentando xornadas de convivencia deste tipo para dar a coñecer a realidade do autismo e tamén para facer visible a situación das persoas afectadas por TEA, levando a cabo políticas que fomente a sensibilización tanto dos escolares coma do resto da cidadanía.

Sociedade