Á rúa foleiros

O Entroido de San Sadurniño volverá a tomar as rúas o dia 22 de febreiro.
16 de Xaneiro, 2020 - 12:51 h. | Publicada por Radio Fene

San Sadurniño busca darlle novo pulo ao Entroido cunha orientación familiar. O sabado 22 de febreiro será o dia grande da festa das máscaras na localidade.

Entroido previsor.

Despois de varios anos facéndose a cuberto, neste 2020 o Entroido de San Sadurniño volverá encher de troula o centro urbano cun desfile que percorrerá o traxecto entre os xardíns municipais e o ximnasio do CPI. Desta maneira quérese recuperar a esencia dunha festa pagá que na nosa zona e en toda Galicia sempre foi de andar por fóra, de foleiros canfurneiros, meténdose coa xente gorecidos polo anonimato e de momentos de moita risa dos que goza quen se disfraza, pero tamén quen mira ou é obxecto dalgunha broma. A celebración está posta para a tarde do sábado 22 de febreiro e complétase con obradoiros, música, sobremesas típicas e premios para os mellores traxes. Falta aínda máis dun mes para a cita, pero se lanzan a noticia con tanto tempo de adianto é para que vaiades pensando de que vos ides disfrazar e para que vaiades preparando a indumentaria.

Tempos para compartir e obradoiro infantil.

En paralelo coa programación de Cultura, a área de Igualdade tamén buscou un tema relacionado co Entroido para o próximo Tempos para compartir, que terá lugar no local social de Lamas o sábado 8 de febreiro a partir das 17.00h. Belucha Tuimil e Amparo Casal ensinarán as súas receitas para preparar freixós e orellas. Xa para o 24 de febreiro, luns de Entroido e día de vacacións para a rapazada antes do festivo local do martes, ofrecerase un obradoiro para nenas e nenos (+4 anos) no que tamén aprenderán a elaborar a receita dos freixós. Nos dous casos dispoñen de 15 prazas cada obradoiro. Así que haberá que inscribirse antes.

Cultura

Publica o teu comentario agora