Ábrese o prazo de inscrición no Obradoiro do Espectador

Ábrese o prazo de inscrición no Obradoiro do Espectador

07 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Grupo Chévere, compañía residente na Sala Nasa de Compostela, en colaboración coa Concellaría de Cultura e a Rede Municipal de Centros Socioculturais de Santiago veñen de pór en marcha o Obradoiro do Espectador, unha iniciativa para a formación de público activo no eido teatral que se desenvolverá arredor de tres funcións teatrais que ter

Xesús Ron, director da Nasa, asegurou nos micrófonos de Radiofusión que Santiago de Compostela ten unha carteleira teatral especialmente plural e diversa, grazas á existencia de salas privadas que complementan a programación institucional, garantindo a presencia regular dos autores máis novos e as compañías máis arriscadas. Non obstante, o uso de novos códigos narrativos e formais, a mestura de linguaxes e a dimensión experimental de moitas destas obras, establecen unha distancia co teatro tradicional e supoñen unha importante dificultade de acceso para espectadores non familiarizados. É por iso que desde a Sala Nasa consideraron necesario facilitar ferramentas e recursos, para contribuír á formación dos espectadores da cidade, aproximando público, artistas e salas.

As actividades do Obradoiro do Espectador estruturaranse en tres apartados:

Asistencia a espectáculos

A parte fundamental do obradoiro é, por suposto, a asistencia a un espectáculo cada mes. As persoas participantes no obradoiro recibirán entradas para poder asistir ás representacións.

Encontros-coloquio cos creadores

Como complemento á asistencia aos espectáculos, propoñen realizar un coloquio inmediatamente despois de ver a obra, con participación dos membros da compañía e dos espectadores participantes no obradoiro.

Adestramento regular do espectador

As sesións de adestramento, que tamén funcionarán como sesións preparatorias, desenvolveranse unha vez por mes antes de asistir aos espectáculos. Cada sesión terá unha duración de unha hora e media, ofrecendo claves que faciliten a comprensión da obra que se vai ver, situando o autor e a compañía no seu contexto histórico e estético.

As sesións de adestramento terán lugar nos Centros Socioculturais de Santiago. Os espectáculos e o coloquio posterior terán lugar na Sala Nasa.

 

PROGRAMA DO OBRADOIRO

ABRIL

OBRA: RÚA AIRE

COMPAÑÍA: O RETRETE DE DORIAN GRAY

Esta compañía ten a súa sede en Barcelona, pero formouse en Santiago de Compostela e mantén unha presencia regular na carteleira galega. De feito, esta obra é unha co-produción do Centro Dramático Galego. Trátase dunha proposta de teatro de obxectos dirixida ao público familiar.

Data da representación: venres 24 abril ás 21,30h. na Sala NASA

Sesión de adestramento: martes 21 de abril ás 19,00h. no CSC O Ensanche

Encontro-coloquio cos creadores: venres 24 abril ás 23,00h. Na Sala NASA

MAIO

OBRA: MENOS 1

COMPAÑÍA: PISANDO OVOS

DANZA

Pisando Ovos é unha das compañías que está a situar a danza galega no mapa da danza contemporánea, cun traballo que fusiona a esixencia física e as suxestións poéticas do movemento. Nesta caso, Rut Balbís fai un solo de danza no que se confunden imaxes con formas que se converten no que non son.

Data da representación: venres 29 de maio ás 21,30h. na Sala NASA

Sesión de adestramento: martes 26 de maio ás 19,00h. no CSC José Saramago Vite

Encontro-coloquio cos creadores: venres 29 de maio ás 23,00h. Na Sala NASA

XUÑO

OBRA: ILIRIA

COMPAÑÍA: ELEFANTE ELEGANTE

TEATRO

A Compañía do Elefante Elegante presenta un espectáculo de teatro, musica e movemento a partir da "Noite de reis" de W. Shakespeare. Na illa de Iliria o Duque Orsino morre de amores por Olivia, pero o seu amor non é correspondido. Ao mesmo tempo, dous irmáns xémeos, Violeta e Sebastián, naufragan na costa de Iliria. Violeta vese obrigada a disfrazarse de home coas roupas do irmán para poder sobrevivir nun país estranxeiro. Pero Sebastián tamén se salvou, e sen saber un do feliz destino do outro, acaban por crear os máis divertidos equívocos amorosos.

Data da representación: venres 19 de xuño ás 21,30h. na Sala NASA

Sesión de adestramento: martes 16 de xuño ás 19,00h. no CSC José Saramago Vite

Encontro-coloquio cos creadores: venres 19 de xuño ás 23,00h. Na Sala NASA

Os obradoiros teñen un número de prazas limitado a 20 persoas e un prezo de 24 euros para os tres obradoiros e 8 euros para cada un, incluíndo esta tarifa a entrada á obra. A data de inscrición abriuse onte 6 de abril no Centro Sociocultural do Ensanche ata completar prazas. Para máis información pódese chamar ao 981 543 001.

 

Cultura