A Área de Cultura da Deputación desenrolará o proxecto da Casa Museo de Manuel María

A Área de Cultura da Deputación desenrolará o proxecto da Casa Museo de Manuel María

17 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Onte presentouse, no salón de actos da Deputación de Lugo, o proxecto que está a desenvolver a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, impulsado co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, para converter a casa natal do escritor chairego en Casa Museo do Escritor. No acto de presentación estiveron xunto ao vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, Saleta Goy, viúva de Manuel María e presidenta da Fund

Na súa intervención, Antón Bao remarcou o esforzo que fixo a Área de Cultura da Deputación para liderar o proxecto e conseguir xuntar os esforzos e implicación do maior número de institucións para levalo a cabo. Do mesmo xeito, o vicepresidente da Deputación amosouse satisfeito e afirmou que “a figura do Manuel María escritor, imprescindíbel para Galiza, precisaba contar cun lugar de difusión e estudo coma o que se logrará erixindo esta casa museo ao autor”. Antón Bao rematou afondando na significación deste momento, que supón ver cumprido “o compromiso da Área de Cultura da Deputación por manter o legado e a memoria do poeta Manuel María, estabelecendo a súa casa natal como museo da súa obra, un espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego”.

O proxecto
Actualmente, a casa natal de Manuel María constitúe a vivenda habitual do seu irmán Xosé María, a súa dona Xosefa e o fillo destes Xosé Antón, cos que a Fundación M.M. de Estudos Galegos acaba de chegar a un principio de acordo que deberá posibilitar a construción dunha nova vivenda para eles e o futuro acondicionamento para museo da casa natal do poeta, coñecida como Casa de Hortas.

O inmoble está situado no mesmo centro de Outeiro de Rei e foi construído no ano 1891 polos avós de Manuel María. É unha típica casa de labregos acomodados cunha fermosa finca de máis de 2.000 metros cadrados.

A realización do proxecto suporá a restauración dunha vivenda que é prototipo da casa chairega, unha destacada mostra do rico patrimonio artístico-cultural da Chaira luguesa. Nela preténdese dar acollida ao interesantísimo legado de Manuel María que contén elementos culturais, artísticos e académicos de alto valor. Alí preténdese ubicar a importante biblioteca do escritor, unha das mellores coleccións particulares do libro galego, así como o seu significado fondo artísticos que contén obras de Castelao, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Laxeiro, Luís Seoane, Sucasas, Alfonso Abelenda, Manuel Torres, Blas Lourés, Raimundo Patiño, Xavier Pousa, Argüelles, Balboa, Díaz Pardo, Castro Gil... Son tamén numerosos e interesantes os documentos manuscritos, videográficos, fotográficos, etc., tanto de Manuel María como doutras figuras relevantes da época, que se reunirían nesta institución.

Apoios ao proxecto
A maiores do apoio da Área de Cultura da Deputación, que amparou desde un inicio o proxecto da casa museo de Manuel María, con esta finalidade a Fundación Manuel María está a recibir apoios por parte de diferentes institucións públicas, empresas privadas e de particulares, como o Concello de Monforte e a Deputación da Coruña, cidades ás que Manuel María estivo moi vinculado na súa madurez e nos últimos anos da súa vida, respectivamente. Estes apoios posibilitáronlle á Fundación dar o primeiro paso de compromiso de adquisición da casa do escritor. Mais, dada a envergadura do proxecto no seu conxunto, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos está dando a coñecer o proxecto en distintas cidades e vilas do país para así canalizar as colaboracións dos particulares mediante a achega de todo tipo de obxectos que teñan a ver con Manuel María (cartas, tarxetas, fotos, postais, vídeos, conferencias…) e mesmo de achegas económicas para a realización da iniciativa.

Cultura