Últimos días para participar na Operación Xoguete da OJE de Ferrol

Últimos días para participar na Operación Xoguete da OJE de Ferrol

30 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A campaña de recollida de xoguetes e libros para os nenos das familias con menos recursos da cidade concluirá o vindeiro sábado. As persoas que queiran colaborar, poden facelo entregando as súas doazóns nun local da rúa Alta do Porto, no número 14, en Ferrol (a carón da antiga fábrica de lápices). Unha vez clasificados e empaquetados, os agasallos serán repartidos para que os pequenos poidan recibilos na festividade de Reis.

Xoguetes novos e usados pero tamén libros de lectura e donativos en metálico cos que poder sufragar os gastos que conleva a campaña, recollen estes días os voluntarios e voluntarias da Organización Juvenil Española. Segundo explicou a Radiofusión un dos portavoces da OJE, Daniel Ortega, agora mesmo o que máis se precisan son xoguetes e libros para os tramos de idade de 0 a 3 anos e de 11 a 16.

Ao redor de corenta anos leva a OJE promovendo a súa Operación Xoguete e repartindo ilusión entre os nenos e nenas ferroláns. Segundo as previsións de Daniel Ortega, este ano a Organización entregará agasallos a máis de catrocentos pequenos da cidade. En cada paquete incluiranse tres xoguetes usados, un novo e un libro.

O vindeiro sábado é o último día para participar na Operación Xoguete da OJE. Os xoguetes e os libros pódense entregar no local da rúa Alta do Porto, 14, en horario de 17.00 a 20.30 horas.

Sociedade