“ Xa veñen os Reis… polo Concello de Fene”

“ Xa veñen os Reis… polo Concello de Fene”

31 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os Reis Magos de Oriente percorrerán en cabalgata todas as parroquias de Fene o vindeiro martes 5 de xaneiro. As súas maxestades repartirán coa súa presenza ledicia e ilusións entre os máis cativos antes da gran noite máxica na que Melchor, Gaspar e Baltasar deixará agasallos nas casas de todos os nenos e nenas do concello.

No día máis agardado do ano para os máis pequenos os Reis Magos antes de traballar arreo pola noite repartindo xoguetes e demais agasallos visitará o Concello de Fene en Cabalgata.

As súas maxestades e o seu séquito arrincarán o seu percorrido ás catro e media da tarde desde o local da Liga de Amigos de Barallobre. Partirán logo ata Maniños onde ás cinco chegarán á entidade O Pote de Maniños. Media hora máis tarde recibiraos a Sociedade Agarimo de Sillobre. O seu próximo destino neste apretado periplo será Magalofes, onde farán parada no local social da parroquia ás seis. Media hora máis tarde o cortexo real engalanará San Valentín e encherá de gozo aos raparigos que  os visiten no local parroquial. 

A comitiva partirá ás sete e media en cabalgata acompañada da banda Airiños de Fene, polas Rúas Marqués de Figueroa, Rúa da Fraga ata a Praza do Concello onde as súas maxestades de Oriente recibirán a todos os nenos e nenas. Unha recepción na que poden aproveitar para entregarlles as súas cartas de última hora.  

Non faltarán os caramelos, as cintas de cores que tirarán os paxes ao seu paso polas rúas fenesas. Algarabía, rebumbio, luces, música e moitas doses de  fantasía  para facer deste día o máis especial do ano.

Sociedade