“Farruquiño”, primeiros pasos do gran Torrente Ballester

“Farruquiño”, primeiros pasos do gran Torrente Ballester

15 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Para rematar o ano do centenario de Gonzalo Torrente Ballester, Edicións Embora vén de publicar “Farruquiño”, unha narración corta que o autor publicou por vez primeira nunha modesta colección (“La novela del sábado”) en 1954. A mar, os barcos e a vida ferrolá durante o período das guerras napoleónicas compoñen o marco xeográfico e histórico do relato, no que Torrent

En “Farruquiño” pode un atopar todos os tópicos sobre Ferrol que foron espallándose durante os seus 150 anos de existencia, non todos falsos: a preponderancia do militar sobre o civil, o ordenancismo das súas xentes e o clasismo presente ata na clase obreira. 

Gonzalo Torrente Ballester recoñecía sempre a influencia da cidade na súa escrita: “en calquera das miñas invencións é posible rastrexar as referencias, cando non a descrición directa, do que coñecín e vivín de neno e adolescente”. 

A historia de “Farruquiño” é a dun mozo amante da mar e a Mariña –institución que coñeceu de neno en circunstancias nada fáciles– que enfronta o seu desexo de aventura e honra militar á realidade de ser fillo bastardo dun oficial da Armada que se desentende del. Como Torrente de neno, vive nos Corrais, un lugar de Serantes, pero cada día marcha a cabalo a estudar a Ferrol. Unha sórdida historia familiar, as descricións dun Ferrol aínda hoxe recoñecible e a situación internacional –que, curiosamente, afectan á vida diaria dunha pequena poboación ultra periférica– forman a trama dun dos primeiros textos narrativos de Torrente, no que aínda non é o gran escritor no que se converteu pero xa se deixan ver as claves da súa escrita posterior. 

O libro vai ser presentado polo periodista, escritor e editor Tucho Calvo mañá sábado ás oito do serán na Galería Sargadelos de Ferrol.

Cultura