“La Búsqueda” (Cuatro, 23 h.)

“La Búsqueda” (Cuatro, 23 h.)

08 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Se o anuncio do turrón El Almendro repite a fórmula e emociona como o primeiro día, e se queremos competir cos programas de corazón e revelación descarnadas das outras cadeas, cómpre retransmitir reencontros familiares. Iso debeu ser o que pensaron en Cuatro, que estrea o programa “La Búsqueda”, no que se mestura o “vuelve a casa, vuelve”, con Callejeros ou toda esa caste de espazos que protagonizan equipos de reporteiros cámara

Ante estes programas a un sempre lle queda a dúbida de se os familiares perdidos non se buscaron antes por falla de cartos ou porque non había o máis mínimo interese. Pero non deixa de resultar estraño que se acuda á exhibición pública para resolver cuestións persoais. Ademais, a interpretación lacrimóxena destes programas está tan vista que devezo polo momento en que lles dean un xiro e os presenten como thriller case policial sobre tácticas de fuxida, escapismo e ocultación. A fin de contas, a historia de verdade interesante é como alguén pode permanecer perdido dos que o coñecen nesta era de sobreexposición mediática.

Mentres non se fai o cruzamento entre Lobatón e Jason Bourne, non podo senón pensar que hai algo de innecesario en “La Búsqueda”. Calquera que viva neste mundo sabe que atopar a alguén do que hai anos que nada sabes é tan sinxelo como abrir un perfil en Facebook e agardar a que che pida ser teu amigo e che mande ovelliñas virtuais, toques por correo electrónico, che pida que clasifiques os teus sabores favoritos de xeado ou que te xuntes ao grupo “Modernas que cando cumpran anos serán señoras con tatuaxes”. En fin. Dramas do reencontro hai en Cuatro dende as once desta noite.

Sociedade