“Los mejores años de nuestra vida” (TVE, 22 h.)

“Los mejores años de nuestra vida” (TVE, 22 h.)

03 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Debe ser cousa desa mudanza da audiencia máis nova que fuxe da pantalla do televisor cara a do ordenador, que un dos argumentos á alza na grella catódica é a nostalxia pura e dura, unha chantaxe emocional para captar aos espectadores máis veteranos. Iso, xunto a necesidade de aforrar e tirar de imaxes de arquivo en troques de producir outras novas, deben de ser os motivos de que nazan programas como “Los mejores a&nti

Carlos Sobera e a súa cella en arco de medio punto conducen un espazo que serve de planta de reciclaxe de 'triunfitos' que, aínda en ‘shock’ polo tratamento de escarnio público do Doutor Mejide, non foron quen de vender un disco e agora sobreviven como soldados de fortuna ou, no argot televisivo, mercenarios de galas. O programa ven a ser algo así como a gran batalla das décadas, na que se tenta demostrar quen tivo a infancia máis feliz.

Eu, por filiación obrigada, mais tamén porque teño o convencemento, non dubido en apostar pola vitoria dos que medramos nos anos 80. Os anos 60 trouxeron revolucións políticas e o estourido do pop cos Beatles á cabeza; os 70, a contracultura, o rock progresivo e o punk; os 90, a competitividade JASP e a transcendencia umbría de Nirvana e os colegas grunge. Pero os que medramos nos 80 temos un cerebro configurado por unha programación infantil coa Bruxa Avaría e Javier Gurruchaga e os miolos moldeados polas ondas sonoras de Duran Duran, Spandau Ballet e outros grupos de homes con laca no pelo, guatas nos ombreiros e guatiné nos bordados. Medramos na imaxinación sen freo que abraza directamente co hortera e a falla de gusto, o que se cadra explica tamén as barrabasadas que eu solto de cote neste minuto da televisión que, antes de poñerme máis en evidencia debera rematar dicindo que “Los mejores años de nuestra vida” estréase ás 10 da noite en TVE. 

Cultura