“Luar” (TVG, 22.10 h.)

“Luar” (TVG, 22.10 h.)

17 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Algún día alguén terá que facelo: enchoupalo con gasolina e logo tirarlle un misto prendido enriba. Se non arde, entón poderemos certificalo: Gayoso é incombustible. Non é que estea a promover un atentado contra a vida do entertainer por antonomasia da historia da televisión autonómica, pero as cousas da beatificación sonche así. Non se pode ir por aí berrando “santo subito!” e reclamar a gloria eterna p

Somos os que menos o vemos os que máis falamos deste espectáculo de variedades. Será porque cun engadido aquí ou unha rebaixa acolá, o programa segue esquemas clásicos que son á televisión o que a Comedia del Arte ao teatro, e para os que José Luís Moreno representa algo así como Pirandello. Xa non se fan programas así, con música, humor e devoción polo folclore propio por case único sostén. De chegar aos 20 anos vai que ir chamando á porta da Dirección Xeral de Patrimonio para reclamar esa Declaración de Ben de Interese Cultural. “Luar” é, ademais, o escenario que acolle aos artistas amigos castigados polas mudanzas das modas musicais e e que aquí teñen refuxio e a oportunidade de berrarlle ao mundo que non están desaparecidos nun conxelador como Walt Disney. Se eu agora calase e vostedes conectasen coa Galega esta noite saberían de sobras quen vai actuar sen ter constancia previa, pero en canto diga o nome, este comentario quedará resolto e xa sobrará calquera outra palabra a respecto do máis entrañable programa da televisión: “Luar” emítese ás dez e cuarto da noite na Galega e actúa Pimpinela. Díxeno.

Cultura