“Non estou formado en nada, aprendo constantemente”

“Non estou formado en nada, aprendo constantemente”
06 de Agosto, 2020 - 11:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Domear a poesía é tan difícil como atractivo” afirma o escritor Antonio Piñeiro, autor da novela Celada, un libro que recrea o ambiente universitario politicamente activo da década dos 70 en Santiago de Compostela. Trata da represión dos últimos días do franquismo e recolle o asasinato do estudante de Medicina José María Fuentes Fernández acaecido en Santiago de Compostela en 1972 e que serviu como inspiración ao autor.

ESCOITA O PODCAST:
Antonio Piñeiro e Antonio Tizón no clube de lectura de Radio Fene

Segundo el mesmo di, o proceso de documentación foi bastante sinxelo xa que se trata de feitos cos que case todo o mundo está familiarizado pola cantidade de imaxes e novas ou incluso pola carnalidade de quen o viviu.

Para recrear esta atmosfera concreta en Celada, Piñeiro recorre á memoria sensorial que “é a máis potente”. Durante o relato atopamos referencias á Mirinda, ao edificio Castromil (derrubado en 1975 para construír o actual aparcamento da Praza de Galicia) ou mesmo ao famoso anuncio dos bolígrafos BIC. Axudan ao lector a evocar un tempo concreto no que se vivía esa sensación de temor, inquedanza pero tamén esperanza.  Trátase dunha narración moi cinematográfica, case en secuencias, que axuda a potenciar a intriga ao longo da historia.  O autor foi premiado en tódolos xéneros pero afirma que no que máis cómodo se sinte é no poético. Malia esta variedade de premios, insiste en que non está formado en nada, senón que aprende constantemente. Con Celada, Antonio Piñeiro gañou o VII Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

Cultura

Publica o teu comentario agora