“Non te pringues co aceite”

“Non te pringues co aceite”

11 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Denomínase así unha nova campaña que o Concello de Fene ven de poñer en marcha, en colaboración co colectivo medioambiental Lapis Verdes. O obxectivo da iniciativa é sensibilizar aos veciños e veciñas de Fene sobre a importancia da reciclaxe de aceites usados, comezando por depositalos nos colectores especiais que se instalaron en todas as parroquias do termo municipal.

No primeiro mes de aplicación desta campaña, o Concello de Fene recolleu máis de cincocentos litros de aceite, o que significa que se evitou a contaminación de máis de seiscentos corenta mil litros de auga. Asegurouno a Radiofusión a concelleira de Medio Ambiente, Amalia García, quen se amosou moi satisfeita polos resultados do programa.

Amais da instalación de colectores de recollida de aceite, a campaña impulsada pola concellería de Medio Ambiente e Lapis Verdes inclúe unha serie de charlas naqueles centros escolares ou entidades sociais que as soliciten. Nestes talleres, o presidente do colectivo, Camilo Casal, explica aos rapaces as vantaxes da recollida selectiva e posterior reciclaxe dos aceites, pero tamén fala, en xeral, dos residuos sólidos urbanos e da aplicación das tres “R” (reducción, reutilización e reciclaxe).

Sociedade