“Os ratos da biblioteca” visitarán en febreiro a Casa da Cultura de Fene

“Os ratos da biblioteca” visitarán en febreiro a Casa da Cultura de Fene

28 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Protagonizarán unha sesión de contacontos na biblioteca municipal “ Pérez Parallé”, como complemento da programación organizada pola Concellería de Cultura para as vindeiras festas do antroido. A actividade desenvolverase o luns día 15, a partir das doce do mediodía. Para o martes de antroido anúnciase un obradoiro de maquillaxe ou de disfraces para nenos e nenas.

“Hai máis de doce anos que moitas escolas e bibliotecas de Galicia, receben periodicamente a visita dunha familia de ratos: os Ratoncio de Lonxedetodo. O profesorado e o persoal bibliotecario permítenlles estas visitas ao comprobaren que non son bechos perigosos para a saúde humana (teñen bos hábitos de hixiene) nin para os libros xa que, ao contrario doutros ratos, estes non os rilan, lenos". 

“Os ratos de biblioteca” é unha aposta da compañía coruñesa Trinke Trinke, unha actividade de animación coa que se pretende fomentar a lectura entre os máis pequenos. Hai que ter en conta que estes animaliños "son inofensivos e que, o que máis desexan no mundo, amais de ler e incluso antes ca un queixo holandés, é ser amigos dos nenos e contaxiarlles o seu gusto pola lectura".
 
Coincidindo coas vacacións escolares, todas as actividades da biblioteca durante a semana do antroido realizaranse en horario de mañá. A sesión de contacontos prevista para o luns, o mesmo que o obradoiro de maquillaxe ou disfraces do martes, comezarán ás doce do mediodía. A maiores, o persoal da biblioteca disfrazarase eses dous días de distintos persoaxes sacados da literatura infantil. Os usuarios e usuarias que adiviñen a súa identidade poderán optar a distintos premios.

Sociedade