“Ponte no meu lugar” ou cómo deseñar unha cidade para todos e todas

“Ponte no meu lugar” ou cómo deseñar unha cidade para todos e todas

15 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A comezos do vindeiro mes de febreiro comezará en Ferrol unha nova edición do programa de sensibilización sobre a diversidade funcional “Ponte no meu lugar”. Impulsado pola Asociación de Pais de Nenos con problemas Psicosociais (Aspaneps), en colaboración coa área de Benestar do Concello, o proxecto vai dirixido a alumnos e docentes de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos da cidade.

“Ponte no meu lugar” naceu hai tres anos como unha maneira de procurar a integración dos alumnos do centro ocupacional de Aspaneps en actividades de carácter sociocultural. En palabras do educador social de Aspaneps, Xavier Picos, o programa cumpre unha dobre función porque, ademais de integrar, “pretende sensibilizar aos nenos e nenas cara as persoas con discapacidade, fomentando a solidariedade e a tolerancia”.

Doce centros, emprazados no concello de Ferrol, participarán este ano en “Ponte no meu lugar”. En cada un deles, ao longo dunha semana, alumnos e docentes realizarán traballos a partir da unidade didáctica, dos carteis ou do material audiovisual aportado por Aspaneps. Ademais, ao remate, os alumnos realizarán diferentes exercizos en cadeira de rodas, cunha venda nos ollos ou con cascos nos ouvidos “para descubrir por eles mesmos a inaccesibilidade ou accesibilidade do seu centro”.

Como novidade, nesta terceira edición de “Ponte no meu lugar”, Aspaneps incorpora como ferramenta de traballo a denominada Guía de Interpretación Visual da Accesibilidade. Segundo Xavier Picos, esta publicación xorde da experiencia de “Ponte no meu lugar” nos últimos dous anos. De xeito gráfico, a guía reproduce algúns dos elementos de inaccesibilidade que se atopan a cotío nos centros escolares e o seu entorno: barreiras físicas, sensoriais e de integración.

Sociedade