“Trece badaladas” (TVG, 21.40 h.)

“Trece badaladas” (TVG, 21.40 h.)

09 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Anda por un lado o “Padre Casares” que está a chegar ao punto culminante que todos sospeitabamos dende o principio, ese no que se asemella a “El Pájaro Espino” e o ministro de Deus sente a tentación da carne ante a visión dunha roxa atea. Mentres conservamos a expectación por ver como os guionistas saen dun enredo que pode propulsar a audiencia da serie o soterrala, cómpre botarlle un ollo ao espazo que precede ás aventuras en Santo Antonio de Louredo.

En “Trece badaladas” repásase a pe de santa obra o traballo cotiá do que poderiamos chamar curas de proximidade, os párrocos galegos que, sobre todo no rural, exercen de ‘oenegués’ individuais. O programa amosa que baixo a sotana hai paixóns humanas, como o fútbol ou a televisión, e non só espírito elevado en comuñón con Deus, e procura non enlear demasiado coa cuestión da fe. Para este que fala, a quen a liturxia dominical sempre lle pareceu algo lúgubre e os oficiantes, con toda a súa cerimonia, segredos de confesión e demais, xente coa que ter precaución, “Trece badaladas” axúdalle a ver algo da graza de Deus, a reconciliarse coas cuestións terreais do Elevadísimo e, se cadra, a gañar unha leiriña no ceo. Comúngase ás dez menos vinte na Televisión de Galicia.

Cultura