11 detidos e 122 quilos de marisco incautados na ría de Ferrol

11 detidos e 122 quilos de marisco incautados na ría de Ferrol

29 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Axentes do servizo de Gardacostas da Consellería do Mar realizaron esta mañá na Ría de Ferrol un operativo contra o furtivismo que se saldou con 11 persoas detidas, coa incautación de 3 vehículos e varios útiles e co comiso de 122 quilos de diferentes especies de marisco. Ademais dos gardacostas, nesta operación tamén colaboraron efectivos da Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia (UPA), do Corpo Nacion

Concretamente esta actuación saldouse con 21 persoas identificadas das que 11 foron detidas e tras realizar inspeccións en varios vehículos, os gardacostas incautáronse de 3 debido a que no seu interior levaban marisco capturado de xeito ilegal. Ademais os axentes incautáronse de 15 cubos, 14 sachos, 2 raspas, 1 pala de xardín, 1 táboa de surf e 1 traxe de neopreno. Tamén comisaron 116 quilos de ameixa, 5 quilos de berberecho, 1 quilo de nécora. Todo este marisco foi devolto ao mar na Ría de Ferrol.

Fin de semana

Por outra banda, esta madrugada os axentes de Gardacostas participaron noutra redada contra o furtivismo realizada pola Garda Civil de Oleiros, que detivo a un vehículo nas inmediacións da Pasaxe, na Coruña con 130 quilos de berberecho e 20 quilos de ameixa extraídos ilegalmente. Os axentes de Gardacostas procederon á incautación do vehículo e resembraron o marisco na zona.

Ademais, esta fin de semana os gardacostas da Consellería do Mar realizaron outras actuacións rutineiras contra o furtivismo no Grove, na Illa de Arousa, en Ribeira, nas Illas Cíes, en Boiro, en Ourense, en Baiona e en Vigo. En total incautáronse de 71 útiles e comisaron aproximadamente 100 quilos de diferentes especies de marisco, algunha cantidade procedente de inspeccións realizadas en establecementos de hostelería.

Concretamente, o sábado nas Illas Cíes os gardacostas requisaron aproximadamente 14 quilos de polbo, que foi devolto ao mar e 67 cacharros. En Boiro, os axentes aprehendéronse de 8 quilos de ameixa e 2 sachos. En inspeccións de establecementos de hostelería requisáronse 4 quilos de navalla, 2 quilos de centola ovada e preto de 2 de percebe e dúas centolas ovadas en Canido (Vigo), Baiona e Ourense, respectivamente. As especies foron entregadas a distintos centros benéficos de Pontevedra e Ourense.

Por outra banda, o venres, o servizo de Gardacostas requisou no Grove 2 salabardos, 40 quilos de vieira e 20 quilos de nécora, todos devoltos ao mar. Na Illa de Arousa os axentes levantaron unha acta de presunta infracción a un restaurante e comisaron 2 centolas ovadas, que devolveron ao mar. Por último, en Ribeira, os axentes comisaron 10 quilos de nécora ovada que tamén foron devoltos ao mar.

Sociedade