11 Millóns de euros para impulsar o sector téxtil galego

11 Millóns de euros para impulsar o sector téxtil galego

20 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Dous novos convenios de colaboración en materia de emerxencias e de incendios, a aprobación do decreto que fará posible a construción dunha planta acuícola en Muros e un novo Plan estratéxico para o sector téxtil foron as cuestións máis relevantes que se trataron na reunión do Consello da Xunta.

A Xunta investirá máis de 11 millóns de euros no Plan estratéxico do sector téxtil co obxectivo da recuperación e a consolidación do sector. Este programa pretende dar apoio financeiro e loxístico, de cara a fomentar a internacionalización do sector. A creación dunha unidade de seguimento do Plan, o reforzamento do clúster galego do téxtil, a introdución das novas tecnoloxías, ou un programa de promoción do sector e da marca Galicia, son algunhas das medidas que contempla. Núñez Feijóo indicou que o Plan terá en conta ás empresas de fóra que venden mercadoría téxtil galega e o modelo loxístico de Inditex, a mellor multinacional téxtil do mundo.

Por outra banda, o Goberno galego anunciou dous novos convenios de colaboración con oito comunidades autónomas en materia de emerxencias e de incendios. Establecen un protocolo de actuacións de prevención, vixilancia e extinción, ademais da constitución das zonas de axuda inmediata, que abranguen dende a liña divisoria das comunidades ata 5 quilómetros de distancia cara o interior das mesmas. En relación ás emerxencias, Galicia compartirá medios materiais, humanos e económicos, mediante a atención das emerxencias a través do 112 e dos centros de coordinación tanto da comunidade peticionaria como da receptora.

Asemade, a Xunta aprobou o decreto que posibilita a execución das obras da granxa e criadeiro de abalón en Muros, o que supón para o municipio 120 empregos e seis millóns de euros de investimento. Será a primeira granxa mariña de orella de mar de Galicia, a primeira empresa de España que desenvolva o seu cultivo industrial e a primeira de Europa en cultivo desta especie por volume de produción. Feijóo apuntou que o Goberno galego pretende recuperar o liderado acuícola co definitivo Plan director da acuicultura, que se presentará logo do Plan do Litoral.

Sociedade