167 ciclistas desfrutan da natureza e do deporte na VII Marcha a Monseivane de BTT

167 ciclistas desfrutan da natureza e do deporte na VII Marcha a Monseivane de BTT

20 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A VII Marcha a Monseivane de BTT, proba incluída na Copa Galega de Cicloturismo, saldouse cun aumento da participación, superouse en 35 ciclistas á Marcha do 2008, e un éxito en canto á organización e recorrido. A maioría dos 167 corredores destacaron a calidade da ruta escollida e a atención do equipo directivo durante os 60 quilómetros que pedalearon polos concellos de Vilalba e Abadín.

A marcha comezou cedo. Eran as 09.30 horas cando os 167 valentes se subiron ás súas bicicletas de montaña para afrontar unha proba que conta cun grado medio-alto de dificultade. O barro acumulado polas chuvias dos días pasados era o reto principal, xunto coa dura subida ao Monseiban, de 940 m. de alto, e un tramo libre de 3 quilómetros no Río Arnela, que tiña un desnivel medio do 10%, alcanzando o 20% nalgún tramo.

 

Rompendo coa tradición que marcaba auga cada edición da carreira, o bo tempo foi a tónica dominante desde que se deu o pistoletazo de saída desde o polideportivo da capital chairega. Rápidamente se colleu o camiño de Santiago ata Martiñán, percorrendo Castro Maior e o Río Arnela. Este belísimo espazo natural foi o primeiro dos luigares escollidos para alimentar aos ciclistas e facer o tramo libre organizado polo Concello de Abadín.

Posteriormente iniciouse a etapa mais esixente da xornada: a subida polas ladeiras do Monseivane. A chegada á cima significou un alivio para uns e o final do reto para outros. A baixada ata Samarugo, onde estará o segundo avituallamento, foi outro dos tramos marcados polos deportistas, pola súa mezcla de risco e diversión. A continuación quedaban os últimos quilómetros, xa por tramos que combinaban estrada e terra.

Esta VII edición estivo apadrinada polos membros do Xacobeo Galicia, Jesús Blanco Villar e Alejandro Paleo. O día escollido para percorrer os 60 quilómetros dos que consta a marcha será o vindeiro domingo 19, e dará comezo ás 9.30 horas.

O exciclista profesional e actual director deportivo do Xacobeo Galicia, Jesús Blanco Villar, considerou “unha boa nova” que existan actividades deportivas coma esta, xa que, para o de Rois “o BTT é unha modalidade do ciclismo moi divertida, que incluso o empregamos no equipo para desconectar e coller un pouco de forma ao comezo da tempada”. Blanco Villar tamén considerou a bicicleta de montaña como moi válida “a nivel de afeccionado”, aínda que pode ser mais “técnica” co de estrada, pero tamén “é máis divertida”.

O seu pupilo, o ciclista profesional vivariense do Xacobeo Galicia, Alejandro Paleo, tampouco quixo deixar a oportunidade de “apoiar iniciativas como a Ruta Monseivan”, á que lle augurou un excelente presente e un bo futuro, “se leva sete edicións é que debe ir ben e irá ben”, opinou o deportista lucense. Paleo analizou despois o percorrido, que conta cun perfil “moi bonito, completo e esixente, pois ten tramos rectos, unha subida importante e tamén boas baixadas, ideal para pasalo ben e facer unha boa xornada deportiva”.

O alcalde da Vila, Gerardo Criado tamén contribuíu ao apoio coa súa presenza no acto e ve nesta iniciativa do Club Ciclista Vilalba-As Pontes, “unha proba que axuda a promocionar o deporte en xeral e o ciclismo en particular”. Criado tamén tivo palabras de recordo para o principal patrocinador da ruta, Lactalis, e deu a benvida ao seu novo responsable, sen esquecer ao saínte, Daniel Führer.

Sociedade