2 mariñeiros de Malpica mortos ao afundirse un pesqueiro

2 mariñeiros de Malpica mortos ao afundirse un pesqueiro

27 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O pesqueiro "Novo Luz" de Malpica de Bergantiños afundiuse a primeiras horas desta mañá a 8 millas de punta Langosteira, nas inmediacións da Coruña. Unha via de auga podería ser a causa do afundimento do barco que provocou a morte de dous dos seus tripulantes.

Os dous mariñeiros falecidos no naufraxio do 'Novo Luz' eran José Enrique Carril Rojo e Santiago Manuel Varela Veiga, de 46 e 41 anos, os dous naturais da localidade coruñesa de Malpica, segundo informan fontes da confraría. Pola súa banda, os catro pescadores que foron rescatados con vida son o patrón do barco, Marcos Alfeirán Rodríguez; e outros tres tripulantes: José Fernando Garrido Varela, Alberto Antonio Costa Añón e Manuel Garrido Ourense, sinalan as mesmas fontes.

Salvamento Marítimo coordinou á primeira hora da mañá o rescate da tripulación da embarcación, de 14,83 metros de eslora e base en Malpica, afundida a 8 millas ao oeste da Coruña.

Recibiu a alerta da radiobaliza do pesqueiro ás 6.56 horas deste venres e non houbo comunicación previa por radio, segundo apunta. A posición que marcaba a radiobaliza era a 8 millas ao oeste da Coruña.

De inmediato, enviouse o MEDE RELÉ e simultaneamente procedeuse á mobilización da embarcación 'Guardamar Concepción Areal' e o 'Helimer 211'.

A 'Guardamar Concepción Areal' rescatou a dous dos tripulantes que estaban nunha balsa salvavidas. Outros dous tripulantes, que se achaban na auga, foron rescatados polo pesqueiro 'Borrasca Primeiro' e polo 'Ribeira Terceiro'. Así mesmo, o pesqueiro 'Martín Daniel' recuperou os corpos dos outros dous tripulantes.

TRASLADO Ao CHUAC

Os 4 tripulantes rescatados presentan síntomas de hipotermia e foron trasladados ao peirao de Oza, onde tamén se produciu o levantamento dos dous cadáveres. Dúas ambulancias levaron aos sobreviventes ao Hospital CHUAC da Coruña.

O 'Novo Luz' é un barco de cerco que saía a faenar todos os días pola noite para pescar xurelo e sardiña, entre outros peixes, segundo precisou a confraría.

VÍA DE AUGA

Unha vía de auga podería ser a causa do afundimento do pesqueiro . Un portavoz da Confraría de Pescadores de Malpica explicou a Europa Press que esta é unha das hipóteses que se están manexando á espera de coñecer as causas exactas do sinistro.

Así mesmo, explicou que os tripulantes "levaban toda a vida no mar", a pesar de que se trata dun tripulación nova con idades comprendidas entre os 40 e os 28 anos, como o patrón e armador.

Segundo fontes do depósito, o patrón "leva desde os 16 anos no mar". Toda a tripulación, segundo as mesmas fontes, reside en Malpica e arredores.

Sociedade