200 anos conservados

200 anos conservando
14 de Marzo, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Técnica para gardar e manter os alimentos que consiste en, unha vez guisados, pechalos ao baleiro en frascos de cristal ou en latas, segundo o sistema de Appert que xa ten máis de 200 anos. Galicia é a primeira nas conservas de peixe.

Dicía "Le Courier de l´Europe" en 1809: “Sardiñas e bonitos, polbo e luras, ameixas e longueiróns, esqueceno as estacións, hoxe os produtos da primavera, o verán, o outono ou o inverno moran nas botellas e nas latas do mesmo xeito que esas plantas delicadas das que ozamos en todo tempo protexidas polos cristais dos invernadoiros. Insiste Fausto Galdo en que seguen vixentes as mesmas bases de hixienizar os produtos ao baño María que revolucionaron a alimentación.

Na nosa terra gárdase a lembranza dos primeiros cataláns que chegaron a mediados do século XVIII, cando o Mediterráneo quedou sen sardiñas, impoñendo as súas artes de pesca e o seu sentido comercial. As fábricas Massó, Molíns Portanet, etc… deron traballo ás nosas costas. A primeira conserveira que se estableceu en España foi a Curvera Puig, en Chapela en 1861. A Goday na Illa de Arousa iniciou a comercialización en 1879. A pesar dos eu elevado contido en sal, as conservas son deliciosas e un recurso alimentario moi acaído. As latas de mexillóns, as de xoubas, sardiñas, bonito, as de ventresca son riquísimas. As conservas deben repusar polo menos un ano e , por suposto, en aceite de oliva.

As formas de conservar os alimentos foron evoluíndo pero siguen vixentes calquera delas: o salgado, o afumado, secado ao ar e o escabeche. Recoméndase a visita ás vellas fábricas de conserva. Por exemplo á Massó en Bueu (1864) convertida nun gran museo ou á fábrica de conservas Goday (1879) da Illa de Arousa (Na imaxe de agosto de 2020)  máis modesta pero bonita de ver.

Cultura

Publica o teu comentario agora