200 quilos de sardiñas para a noite de San Xoán vilalbesa

200 quilos de sardiñas para a noite de San Xoán vilalbesa

18 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A noite de San Xoán non é o mesmo en Galicia sen unha boa sardiñada e como Vilalba non quere quedar atrás, organizou para o día 23 de xuño, a partir das 21 horas, unha boa festa, na que este peixe á brasa será o bocado principal nun menú aberto a toda a veciñanza e que contará tamén con empanada, liscos e queixo de San Simón.

Esta é a segunda edición deste evento, nun intento do Concello de “recuperar esta festividade, que estaba un tanto esquecida na vila e que xa o ano pasado tivo un importante éxito de público”. Debido a esta boa acollida do 2009, para este San Xoán o departamento de Cultura, as Asociacións de veciños de Santa María e dos queixeiros e os locais da zona vella dobraron a cantidade de sardiñas, liscos e empanadas. Así serán 200 os quilos deste peixe azul que se porán sobre as brasas, ademais dunhas 25 empanadas que aportarán as panaderías e locais de restauración vilalbeses.

Xunto co xantar haberá tempo para a festa e a música, das que se encargarán a banda de música “Entre Lusco e Fusco” e a Escola de Teatro de Vilalba, que preparará un espectáculo para amenizar a queimada, que se fará sobre as 12 da noite, cando terá lugar a tradicional “Espantada das meigas”.

Traslado da Feira Medieval para o 10 e 11 de xullo
Por outro lado, o concelleiro de Cultura, Xosé María Leira Boado, anunciou que a Feira Medieval, que no 2009 tivo lugar no último fin de semana de xuño, trasladarase ata o 10 e 11 de xullo. O motivo esgrimido polo responsable vilalbés foi “a proximidade co Arde Lucus, que nos comía xente e artesáns para vir aquí, porque estaban mais pendentes de Lugo”. Esta nova data acordouse entre o Concello e as diferentes asociacións que participarán na Feira.

Para que os participantes vaian ben ataviados, sobre todo os cativos, desde a concellería de Cultura organizarán uns obradoiros de confección de traxes nos diferentes colexios do municipio. O primeiro será o de Román, o día 22 de xuño no propio colexio; mentres que para o resto de pequenos serán o 23,24 e 25 na aula do Concello, situada na 3ª planta da Casa Consistorial. Nestes talleres colaboran Asfadivi e o Centro Ocupacional vilalbés. Ademais, o propio organismo local porá a disposición de calquera veciño un obradoiro impartido por unha modista o 28 e 29 de xuño, de 16 a 20 horas. As telas para crear os disfraces correrán a cargo do propio Concello e o prazo para poder apuntarse rematará o venres 25 deste mes.

En canto ás actividades que se levarán a cabo nesta Feira Medieval xa están confirmadas un espectáculo de cetrería, unha exhibición de tiro con arco, que coincide co campionato galego que terá lugar ese fin de semana en Vilalba, así como unha exposición do director do Museo da Mariña de Betanzos, Alfredo Erias, titulado “Xente no Camiño”.

Pero un dos grandes puntos de interese será a recreación do asalto dos Irmandiños á Torre dos Andrade, que estará dirixido polo Centro Dramático Vilalbés e a Escola Municipal de Teatro, e no que colaborarán as asociacións da vila. Ademais, haberá talleres e obradoiros especiais para os pequenos que se acheguen pola Feira.

Festa das Escolas Deportivas
O 23 de xuño terá lugar a tradicional Festa das Escolas Deportivas do Concello. Será na Praza da Constitución, desde as 17 ata as 20 horas e na que haberá actividades, inchables e demais xogos para os cativos.

Foron unhas 600 persoas as que participaron nas Escolas durante o 2010, en 10 deportes diferentes: fútbol, fútbol sala, ximnasia rítmica, ioga, aeróbic, loita, tenis, baloncesto, triatlón e iudo.

Sociedade