24 horas sen tomar unha copa

24 horas sen tomar unha copa

13 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol está a preparar un Plan Local de Prevención de Drogas, no que se inclúe o alcol. Anunciouno a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, durante a presentación dos actos programados para conmemorar o Día Mundial sen Alcol.

Nesta ocasión, a xornada das “24 horas sen alcol” comezará mañá sábado cun festival que arrincará ás seis do serán no Centro Cultural Carvalho Calero e no que actuarán a Rondalla do Club de Campo, a artista María Manuela e a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois. Ademais, para o vindeiro domingo anúncianse unhas xornadas de atletismo, promovidas polo Padroado de Deportes do Concello de Ferrol e a Federación Galega de Atletismo, a través da súa delegación local. A cita será no pavillón polideportivo da Malata, ao longo da mañá, e nela participarán arredor de cen nenos e nenas da cidade. Finalmente, e como complemento destas actividades, o salón de actos da Asociación de Ex Alcólicos de Ferrol vai acoller o luns unha charla informativa sobre a enfermidade alcólica, a cargo da traballadora social da entidade, Lucía Pérez.

Pero as actividades da xornada “24 horas sen alcol” non quedan aí porque, ao longo desta semana, comezaron xa a distribuirse folletos informativos en centros educativos, farmacias, centros de saúde e hospitais, ademais de repartírense polas boticas da bisbarra unha serie de bolsas nas que se reflicten lemas en contra da adición ás bebidas alcólicas e consellos para combatila.

Sociedade