25.000 persoas esixen dar marcha atrás na política sanitaria da Xunta

25.000 persoas esixen dar marcha atrás na política sanitaria da Xunta

21 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

25.000 persoas, segundo a organización, manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela para protestar polo deterioro do sistema sanitario e expresar a súa protesta polo que califican como "política privatizadora" da Xunta de Galicia. Reclamaron que se dea "marcha atrás" nesas intencións para "evitar a quebra económica do sistema sanitario".  "Sanidade pública e de calidade, agora e sempre" rezaba a pa

Así o destacou o portavoz da plataforma Manuel Martín García, quen cargou contra a Administración sanitaria por iniciar "un clima de crispación" e enmarcou esta manifestación como "punto de partida" para facer "reformular" ao Goberno galego as súas políticas sanitarias.

A marcha arrincou da Alameda compostelá entre proclamas de 'O público é servizo, o privado beneficio' e 'Non, non, non, á privatización'. O líder do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, resaltou que a convocatoria busca "defender a sanidade pública universal e gratuíta" co fin de "parar os pés" a un Goberno que, denunciou, "fixo todo o posible para desmantelar os servizos". Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, esixiu "frear en seco" a política "privatizadora e de malgasto de diñeiro público", á vez que outorgou un alto e claro "si" á sanidade pública.

A plataforma SOS Sanidade Pública agrupa a máis dunha quincena de asociacións de defensa da sanidade pública por áreas, aos sindicatos UXT, CC.OO., CIG e SATSE, os partidos políticos BNG, PSOE, EU e as asociacións veciñais, representadas pola Asociación de Confederacións de Veciños de Galicia (Acogave).

 

A canción de Uxía

 

A Praza da Quintana foi o punto final da manifestación, onde a actriz Patricia Vázquez  exerceu o seu labor de presentadora das diversas reivindicacións preguntando en ton humorístico aos asistentes se "hai algún médico na sala?".

A escritora Marilar Aleixandre encargouse de ler o manifesto asinado por diversos artistas e intelectuais no que se mostrou "o orgullo" da sanidade pública fronte á "barbarie privatizadora".

Durante a súa intervención, Aleixandre fixo mención ás conquistas de xeracións anteriores que propiciaron a posta en marcha do sistema sanitario galego, á vez que recriminou que "en tempos de malas colleitas baixan os lobos".

Despois de acusar o Executivo de Núñez Feijóo de seguir "a política Gürtel" en materia sanitaria para reducir o gasto público e incluír as partidas na "privatización de infraestruturas", a autora de 'Teoría do caos' finalizou a súa intervención facendo un chamamento en prol da sanidade "pública e gratuíta"

 

Sociedade