40 escritores, entre eles un galego, converten a Constitución Europea en poesía

40 escritores, entre eles un galego, converten a Constitución Europea en poesía

18 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Practicamente todo o mundo concorda en que os textos lexislativos resultan inintelixibles para o común dos mortais, pero ata o de agora a ninguén se lle ocorrera pensar que a solución e ese problema consistía en dividir os artigos en estrofas e facelos rimar. 40 poetas de todo o continente, entre eles un galego, embarcáronse no proxecto de transformar a Constitución Europea nunha obra literaria. O resultado desa Carta Magna en verso presentarase o vindeiro dí

“Un texto lexislativo non deixa de ser un texto de ficción”. Son palabras do poeta galego afincando en Bélxica Xabier Queipo, nas que alude á distancia que con frecuencia existe entre o plasmado no papel e a realidade social. Partindo desa base, o escritor, xunto con outros integrantes do Colectivo Poético de Bruxelas, animáronse a impulsar o proxecto da Constitución Europea en verso. Na súa opinión, unha das principais causas de que o Tratado fose rexeitado nos Países Baixos e Irlanda foi a falta de claridade da linguaxe. “Un texto ten que ser comprensible para a xente á que vai dirixido”, asegurou Queipo en Radiofusión.

A Constitución Europea en verso contará con palabras escritas nunha vintena de idiomas diferentes e asinadas por recoñecidos poetas como Antonio Gamoneda, Franzobel ou Gerrit Komrij. O galego é o único idioma non estatal presente nesta iniciativa. Xabier Queipo puxo a súa creatividade ao servizo de asuntos aparentemente áridos, como a política agraria común, e outros de curioso título, tales como o “Dereito á lentitude” ou “Non interferencia na vida dos outros”. Porén, se ten que elixir entre as súas pezas, quédase con “Non queremos himnos”, o cal recitou nos micrófonos de Radiofusión.

A "constitución poética" presentarase o vindeiro día 27 no festival belga de Passa Porta e amosarase posteriormente en citas culturais de Praga, Barcelona ou Edimburgo. Ademais, os seus autores planean levar o texto á Comisión Europea antes da celebración dos comicios comunitarios do mes de xuño. De momento, xa contan co apoio do antigo xefe do Goberno belga e vicepresidente da comisión encargada no seu día da redacción do Tratado, Jean-Luc Dehane.

Sociedade