5 minutos menos entre A Coruña e Ferrol

5 minutos menos entre A Coruña e Ferrol

06 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Renfe renovou a primeira hora desta mañá os trens que fan o percorrido entre Ferrol e A Coruña. As novas unidades, máis modernas e con máis prestacións, permiten un aforro de 4 ou 5 minutos no tempo do traxecto. En virtude do convenio asinado en decembro do 2006 entre Renfe e a Xunta de Galicia, na actualidade unen as duas cidades diariamente 5 trens en cada sentido. As fins de semana a frecuencia redúcese a 4 trens diarios.

Máis de 75.000 cidadáns utilizaron a liña de tren entre Ferrol e A Coruña no ano 2009. O tempo da viaxe oscilaba entre 1 hora e 7 minutos e 1 hora e 27 minutos. Ata o momento a velocidade máxima entre Betanzos e Ferrol estaba fixada entre 75 e 100 quilómetros por hora. Renfe anunciou tamén unha próxima reordenación total dos horarios do corredor atlántico ata Vigo.

Redefinirán as paradas e facilitarán no posible a conexión de Ferrol co tren que vai a Santiago e Vigo. Representantes do Ministerio de Fomento comprometéronse hai unhas semanas no Congreso co deputado do BNG Francisco Jorquera, a estudar a posible realización dun by pass en Betanzos que aforraría de xeito notable o tempo da viaxe entre Ferrol e A Coruña.

Sociedade